A MOSTRA PODE VISITARSE NO MUSEO DO POBO GALEGO ATA O 6 DE NOVEMBRO
Xurxo Couto: «'Lume' conéctanos cunha realidade que, desafortunadamente, nos é demasiado próxima neste país, a dos incendios forestais e as súas consecuencias»
Na inauguración, este martes, da exposición do Premio Ksado de fotografía 2022, convocado pola Deputación da Coruña, o responsable provincial de Cultura felicitou o gañador, o ourensán Brais Lorenzo: "O relato da serie que presentou apela ás nosas conciencias e móvenos á reflexión, ao máis puro estilo do fotoxornalismo de denuncia social".
O responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada, e o fotógrafo e comisario Xurxo Lobato, participaron este martes na inauguración da exposición do XVI Premio Ksado de Creación Fotográfica 2022, convocado pola Deputación da Coruña. Tamén estiveron presentes o gañador do certame, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo, e dous dos finalistas, o compostelán Fuco Reyes e a lucense Belén Lozano.
"O Museo do Pobo Galego", lembrou Couto na súa intervención, "é sempre o primeiro fogar da exposición do Premio Ksado", institución á que lle trasladou o agradecemento pola colaboración continua con certame. Ademais de felicitar os galardoados, salientou a conexión que a serie vencedora, 'Lume', ten "cunha realidade que, desafortunadamente, nos é demasiado próxima neste país, a dos incendios forestais e as súas consecuencias, cun relato que apela ás nosas conciencias e nos move á reflexión, ao máis puro estilo do fotoxornalismo de denuncia social".
Tamén tivo palabras para os finalistas: "Nesta mostra non só atoparemos crítica e denuncia social, senón que a sensibilidade, a mirada artística e o respecto pola propia disciplina da fotografía tamén están moi presentes en todas as imaxes".
A mostra pode visitarse no Museo do Pobo Galego ata o 6 de novembro, antes de que comece, a finais deste ano, un percorrido por varios concellos coruñeses que se prolongará durante os primeiros meses de 2023.
Mostra
- 'Lume' narra a traxedia que, para Galiza e para o mundo, representan os incendios, como consecuencia do cambio climático, da despoboación do campo, da irresponsabilidade dos pirómanos.
- En 'La escoria rebelde', Fuco Reyes (Compostela) ofrece a súa particular visión sobre a mocidade.
- 'Paisaxes da inexistencia', de Belén Lozano (Lugo), é un relato visual cun marcado matiz poético.
- En 'Mascaras del Entroido Gallego', Carlos G. Ximénez (Madrid) céntrase nunha das celebracións máis sobranceiras do noso país.
- 'Europa not welcome', de Sergi Cámara (Barcelona), achega a realidade da migración máis crúa.
- 'Vulcanonautas', de Arturo Rodríguez (Tenerife). amosa unha singular interpretación dos territorios afectados polo volcán de La Palma.