O RESULTADO FINAL DO PROXECTO EXHIBIRASE PUBLICAMENTE NO PAZO DE MARIÑÁN NO MES DE ABRIL

Xurxo Couto: "LabCareixa nace coa idea de fomentar o diálogo entre creadores e creadoras novas do campo visual, escénico e plástico"

Xurxo Couto e Sergio Marey, na entrevista que mantiveron hoxe na sede provincial
Xurxo Couto e Sergio Marey, na entrevista que mantiveron hoxe na sede provincial
"Trátase dun proxecto no que participan cinco artistas de diferentes disciplinas para crear de xeito colectivo unha peza escénica, de carácter performático, baseada nun texto dramático de Luísa Villalta, e que nace coa idea de continuar na liña de apoio á creación artística que vén desenvolvendo da Deputación desde hai anos”, salientou o responsable de Cultura provincial
Xurxo Couto: "LabCareixa nace coa idea de fomentar o diálogo entre creadores e creadoras novas do campo visual, escénico e plástico"

O Pazo de Mariñán acollerá a partires do 1 de marzo as cinco artistas que participarán no proxecto LabCareixa, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais que organiza a área de Cultura da Deputación da Coruña. O proxecto, comisariado por Sergio Marey, baséase nun novidoso proceso de experimentación, formación e creación artística colectiva, e o resultado final de todo o proceso será a construción e presentación dunha peza escénica, de natureza performática, que se exhibirá publicamente en Mariñán no mes de abril.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, indica que este novo proxecto nace coa idea de “continuar na liña de apoia á creación artística que vén desenvolvendo da Deputación desde hai anos”. Deste xeito, ás convocatorias periódicas de certames culturais que convoca a institución provincail en 2022 sumaránselle novas iniciativas que terán o pazo de Mariñán como punto de encontro. A primeira delas é o LabCareixa que, en palabras de Couto “nace coa idea de fomentar o diálogo entre creadores e creadoras novas do campo visual, escénico e plástico”.

“LabCareixa concíbese como unha ferramenta para as novas artistas galegas coa cal poidan traballar en grupo, nunha disciplina que non é a súa habitual como é o teatro”, asegura Marey. O comisario define o proxecto como “un lugar de encontro e creación de sinerxias a través da arte” e engade que “este Lab quere ser unha nova maneira de concibir o teatro, de crear teatro contemporáneo galego achegándoo á mocidade”. 

O proceso
Do 1 ao 4 de marzo, as artistas reuniránse no pazo de Mariñán para traballar en base un texto dramático de Luísa Villata co obxectivo final de crear unha peza teatral experimental. “A idea é dar tamén a coñecer ás dramaturgas da literatura galega, pois dentro da nosa escrita é un xénero bastante esquecido, xa non só as artistas senón a sociedade en xeral” explica Marey.

Esta primeira parte do proceso creativo tamén inclúe dúas 'masterclass' de artistas con relevancia dentro do mundo teatral. Así, está previstas a participación de Afonso Becerra (dramaturgo, mestre da ESAD Galiza e director da revista teatral Erreguete), MissBeige (periodista, actriz e performer) e Xron (director artístico de Chévere). 

Tras esta convivencia as artistas traballarán durante mes e medio na peza final que crearán e que se presentará en abril no mesmo pazo, nunha  representación aberta ao tipo de público.

Charlas abertas ao público
Ademais das 'masterclass', MissBeige e Xron darán charlas abertas ao público na Coruña, co obxecto de achegar o teatro á sociedade. 

A primeira terá lugar o mércores 2 de marzo, ás 19 horas, na Casa Museo Casares Quiroga e correrá a cargo de MissBeige. Ao día seguinte, xoves 3 e tamén ás 19h, a charla correrá a cargo de Xron e terá lugar no Monty Ambigú.

Sergio Marey, que ademais é co-director do espazo de arte A Solaina, conta neste proxecto coa produción de Antía Carreira e Breogán Martínez. 

Xurxo Couto: "LabCareixa nace coa idea de fomentar o diálogo entre creadores e creadoras novas do campo visual, escénico e plástico"