HOXE PRESENTÁRONSE AS 20 PROPOSTAS BENEFICIARIAS DA CONVOCATORIA, QUE TERÁ CONTINUIDADE EN 2023
Xurxo Couto: "Estamos orgullosos de todos e cada un dos proxectos seleccionados polo Fondo Reino de Galiza"
“Esta nova liña de traballo", explicou o responsable provincial de Cultura, "está baseada en poñer en valor a historia que nos é propia". Couto cualificou o período medieval “como un dos períodos de máis esplendor e dos máis identitarios como pobo, polo que queremos contribuír a dalo a coñecer desde a nosa perspectiva, e superar a visión de como nolo contaron desde fóra”.
“Mudar o relato hexemónico”, “construír un novo imaxinario colectivo” ou “iniciar un camiño de normalización da nosa historia” foron algúns dos obxectivos mencionados polas persoas que esta mañá participaron na posta en común das 20 propostas seleccionadas no Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza. Trátase da convocatoria coa que a área de Cultura da Deputación inaugurou unha nova liña de traballo centrada na posta en valor da historia medieval galega e e que continuará en setembro co primeiro congreso sobre o Reino Medieval de Galiza, que se celebrará no Museo do Pobo Galego (inscricións abertas en www.reinomedievaldegalicia.gal).
“Esta nova liña de traballo está baseada en poñer en valor a historia que nos é propia”, lembrou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen cualificou o período medieval “como un dos períodos de máis esplendor e dos máis identitarios como pobo, polo que queremos contribuír a dalo a coñecer desde a nosa perspectiva, e superar a visión de como nolo contaron desde fóra”. "Xa de partida estamos orgullosos de todos e cada un dos proxectos seleccionados”, asegurou Couto, que lembrou que o Fondo terá continuade o vinderio ano cunha segunda convocatoria.
O deputado estivo acompañado na presentación pola xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat, que debullou as cuestións administrativas relativas á xustificación final dos proxectos, e polo asesor de Cultura Xavier Campos, que, fixo unha breve introdución sobre o desenvolvemento desta primeira convocatoria do Fondo e salientou tanto o elevado número de solicitudes recibidas (127 propostas) como a calidade das propostas. Os proxectos foron avaliadas por unha comisión composta por Uxío Novo Rey, María do Carme Galego Marante e Ramón Vicente Yzquierdo. No pasado mes de maio déronse a coñecer os 20 proxectos seleccionados, polo que neste momento moitos xa están en fase de desenvolvemento. Segundo Campos, contribuirán “a asentar as bases a nivel social de que temos dereito a coñecer a nosa historia e a divulgala”.
Couto puxo de manifesto unha das características máis importantes desta convocatoria: a diversidade de formatos e disciplinas para chegar a un abano de públicos o máis amplo posible. Entre os proxectos seleccionados inclúense propostas escénicas, musicais, de edición e literatura, proxectos audiovisuais, animación en 3D, unha web sobre fortalezas, un cartafol de ilustracións e mesmo un estudo sobre tipografía medieval.
Na presentación participaron Aser Álvarez de Arraianos Producións, José Expósito de aCentral Folque - Noente Paradise, Manuel Pena de Demo Editorial, Irene Pin de Sirgo Torcendo, Rosa Taboada de Martela Films, Alexandre Peres de Sermos Galiza, Marián Fernández de O Cable Inglés, Zaira Caamaño de Maos Innovación Social, Leonardo González de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, Abraham Carreiro de O Papagaio, Gabriel Penabade de Os Quinquilláns, Miguel Rodríguez da Revista Mazarelos, Fran Rei de Culturactiva, Borxa González de Orgullo Galego, David Miranda de Suseia, Pablo López de Gciencia, Alberte Sánchez, Jorge Juan Costas e Carolina Rubirosa.