Xurxo Couto: “Chegou o momento de poñer fin á ocultación do Reino de Galiza”
Na inauguración do Congreso sobre o Reino de Galiza, o deputado provincial de Cultura salientou a importancia do foro que se celebra do 19 ao 22 de setembro de 2022 no Museo do Pobo Galego Santiago de Compostela: "Permítenos exercer o dereito a saber de nós, a estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país".
"Hoxe é un día transcendental na nosa historia, porque este congreso é o primeiro que se celebra sobre a nosa época medieval, esa realidade que a pesar do seu esplendor e das evidencias históricas de todo tipo, foi sistematicamente relegada e negada pola historiografía oficial e directamente ocultada nos materiais educativos e divulgativos", asegurou Xurxo Couto durante a súa intervención na inauguración do Congreso sobre o Reino de Galiza, que se celebra do 19 ao 22 de setembro de 2022 no Museo do Pobo Galego Santiago de Compostela.
O responsable priovincial de Cultura afirmou tamén: "Chegou o momento de poñer fin á ocultación do Reino de Galiza e iso imos conseguir neste congreso durante estes catro días de relatorios e debates". "Non se pretende", engadiu, "reconstruír a historia, nin moito menos, senón que se trata de exercer o dereito a saber de nós, de poder estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país, como é a época medieval".
Logo dun ano de traballo, o departamento de Cultura da Deputación da Coruña deu hoxe o pistoletazo de saída ao simposiun que, durante catro xornadas, permitirá abordar a historia medieval de Galiza con rigor académico e científico e desde diversas perspectivas. No acto de apertura participaron, ademais de Xurxo Couto, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; e o comisario científico do Congreso, Anselmo López Carreira.
Todas as sesións pódense seguir en liña desde a páxina web www.reinomedievaldegalicia.gal