Xurxo Couto avoga por procurar estratexias que vinculen de xeito real e eficaz o museo local coa comunidade

XORNADA MUSEOS
Xurxo Couto, durante a presentación das xornadas ‘Diagnose e necesidades do museo local’

Na inauguración das xornadas ‘Diagnose e necesidades do museo local’, que se están celebrando no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, organizadas pola Deputación da Coruña no marco do programa ‘A cultura é un dereito’, o deputado provincial fixo referencia aos desafíos aos que se enfrontan os museos locais “nunha sociedade en constante transformación, cada vez máis virtual e máis dependente de novas canles de información e difusión online, que desenvolve novos comportamentos e que demanda novos produtos”. Neste sentido, animou a todos e a todas as participantes no encontro a profundizar en exemplos de boas prácticas e estratexias que convertan os museos en puntos de referencia cultural nas súas contornas.

Xurxo Couto avoga por procurar estratexias que vinculen de xeito real e eficaz o museo local coa comunidade

"Estas xornadas" explicou Couto, "deseñáronse co desafío de construír un modelo cultural postpandémico no que collan pulo valores que moitas veces quedan nas marxes do marco preestablecido, como son a igualdade, a sustentabilidade, a proximidade ou a promoción de prácticas culturais que vaian máis aló dos retornos monetarios".

Para o deputado, "o futuro modelo de museo local ten que chegar da man de persoal técnico cualificado". Por iso, o departamento de Cultura da Deputación convoca cada ano unha liña de subvencións, destinada aos concellos da provincia, para a contratación de persoal técnico de museos e centros de interpretación. En 2021, foron 32 os concellos que se sumaron a esta liña de subvencions, que ronda preto de 400 000 euros, materializados en 38 contratos.

"O obxectivo desta convocatoria", afirmou Couto, "é procurar, da man dos concellos, unha xestión profesional de centros culturais, como os museos e os centros de intepretación, que son verdadeiros focos de atención cultural de especial relevancia no territorio da nosa provincia". "Os museo locais", engadiu, "deben buscar o seu propio camiño para formar parte das comunidades na que se asentan e captar novos públicos; desafiar a mirada do visitante e actuar como centros de coñecemento mais tamén como espazos vivos e dinámicos".

A xornada ‘Diagnose e necesidades do museo local’, que forma parte do programa da área de Cultura da Deputación da Coruña ‘A cultura é un dereito’, reúne en Compostela, desde hoxe ata o sábado, a preto de 20 profesionais da museoloxía que desenvolven o seu traballo tanto en museos da provincia como no resto da Galiza e no Estado. Durante este tres días abordaranse cuestións como as estratexias dixitais, a comunicación relacionada co patrimonio, os plans de conservación, a especialización, as boas prácticas ou as oportunidades de investigación no eido da historia local.

O programa ‘A Cultura é un Dereito’ rematará este ano coa xornada ‘Cultura sustentábel’, que se celebrará o 1 de decembro no Pazo de Goiáns, en Boiro, e está comisariada por Alberto García.

Xurxo Couto avoga por procurar estratexias que vinculen de xeito real e eficaz o museo local coa comunidade