Xuntanza de traballo do grupo provincial do BNG e o consello comarcal de Bergantiños

Penas, Seixas, Regueira, Suárez, Pose, García e González, na xuntanza de hoxe en Carballo
Penas, Seixas, Regueira, Suárez, Pose, García e González, na xuntanza de hoxe en Carballo
A reunión serviu para que os deputados e deputadas provinciais trasladasen as principais liñas de traballo na Deputación, así coma todas as liñas de subvencións ás que poden optar os concellos das áreas gobernadas polo BNG: Turismo e Promoción Económica; Plans Provinciais e Asistencia a Municipios; Cultura; Patrimonio e Contratación e Igualdade,  Lingua e Dereitos Civís.
Xuntanza de traballo do grupo provincial do BNG e o consello comarcal de Bergantiños

O local comarcal do BNG de Bergantiños acolleu esta mañá unha xuntanza de traballo entre o grupo provincial do BNG na Deputación da Coruña e o consello comarcal de Bergantiños. Durante o encontro, os deputados e deputadas trasladaron as principais liñas de traballo nas áreas gobernadas polos nacionalistas e as liñas de subvencións ás que se pode optar dende os concellos. “Trátase do primeiro encontro que facemos destas características”, sinalaba o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, “e esperamos que nos sirva tanto para poñer en valor o traballo que facemos dende a Deputación, coma para que sexa de utilidade para traballar nos diferentes concellos”. 

Turismo e Promoción Económica; patrimonio e contratación; cultura; plans provinciais e asistencia a municipios e igualdade, lingua e dereitos civís son as áreas lideradas por Xosé Regueira, Xosé Penas, Natividade González, Cristina García e Soledad Agra, respectivamente, con Avia Veira coma portavoz do grupo. 

Máis dunha vintena de asistentes e representantes dos sete concellos da comarca coñeceron a estratexia política e o traballo do BNG na Deputación da Coruña, nun acto organizado polo responsable comarcal, Xosé Manuel Pose, que contou tamén coa participación da vicerresponsable de Bergantiños, Maruxa Suárez, e da xefa de gabinete do grupo provincial, Silvia Seixas. O obxectivo era ofrecer información práctica para que os concellos poidan acceder ás diferentes liñas de subvención e recursos que a Deputación ofrece: “Trasladar dun xeito sintético todas as liñas das áreas de goberno do BNG ás que se poden optar, para que os e as concelleiras teñan coñecemento das mesmas e poidan xestionalas dende os seus municipios dun xeito eficaz e, por suposto, beneficioso para a veciñanza”, sinalaba Pose.

Xosé Regueira falou das subvencións ao persoal técnico de turismo, así coma aos entes de xestión dos xeodestinos e a festivais de interese turístico, ademais das de promoción económica, entre outras.

Xosé Penas referiuse á xestión do patrimonio provincial e das futuras liñas de axuda en materia de patrimonio, así como ao traballo de contratación que se fai dende a área que lidera.

Cristina García explicou os investimentos do Plan Único, “a principal ferramenta de financiamento de obras e servizos dos concellos”, así coma os criterios “absolutamente obxectivos” de reparto; “establecidos polo BNG para que todos os concellos poidan acceder aos fondos independentemente da súa cor política, en base a uns criterios cuantificables e medibles, a diferencia de como se viña facendo”.

Natividade González explicou as políticas culturais da Deputación, “que son un referente”. O apoio a concellos e ao tecido empresarial e asociativo, proxectos como o da posta en valor do Reino Medieval de Galiza, os premios culturais, as Residencias Artísticas Mariñán, a Rede Cultural e a programación cultural propia son algúns dos principais eixos da área de cultura.

Os membros do consello comarcal do BNG valoraron moi positivamente o encontro, “que nos serviu para saber exactamente cal é o traballo que se fai dende a Deputación, que en moitos casos se descoñece, e tamén para contar con información útil para aplicar en cada un dos nosos concellos, que nos permite facer unha política moi positiva para os nosos veciños e veciñas”, sinalaron.

Xuntanza de traballo do grupo provincial do BNG e o consello comarcal de Bergantiños