Xosé Penas insiste na necesidade da colaboración entre as administracións públicas e o sector privado para ofrecerlle á cidadanía unha cultura de calidade
Cultura da Deputación volve colaborar coa Fundación Rogelio Groba no ciclo ‘Noites na Cidade Vella’, cuxa terceira edición ofrecerá na Coruña, do 13 de setembro ao 12 de outubro, nove concertos de música de cámara noutros tantos espazos senlleiros da cidade.
Esta mañá presentouse o programa na casa do Concello da Coruña, nunha rolda de prensa na que participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; o concelleiro de Cultura coruñés, Gonzalo Castro, e o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba Otero.
«Este ciclo de concertos», dixo Penas, «é posible en parte grazas a achega que fai o departamento de Cultura provincial a través das súas liñas de subvencións para fundacións, pero tamén representa dalgún xeito, o mesmo que o noso festival ‘Espazos Sonoros’, do que estamos a gozar este mes, moito de aquilo polo que traballamos dende o grupo provincial do BNG: a cultura, o patrimonio en si mesmo, a arquitectura das cidades e a historia».
O deputado insistiu na «necesidade da colaboración entre as administracións e o sector privado para facer realidade iniciativas coma esta, que achegan a cultura á cidadanía dende o respecto, a contemplación, a aprendizaxe e posta en valor de espazos de gran relevancia arquitectónica e patrimonial; entre eles o Teatro Colón».
«Nun país que respira patrimonio por toda a súa pel», engadiu, «falar de arquitectura e de música é falar do mesmo; da arquitectura da música e da música dos edificios que enchen a cidade estes dias de cultura e experiencias sensitivas. Existen outras maneiras de visitar e coñecer a nosa herdanza cultural: dende o respecto, a contemplación e a aprendizaxe do patrimonio, máis aló das pedras e de todo o que o pasado deixou para nós. E, polo tanto, é a nosa obriga, dende as administracións, poñer en valor de todo o que hai no seu arredor».