Xosé Regueira: «O Carballo Interplay é un espazo para a reflexión e para a liberdade que se fai desde o respecto á diversidade»

Regueira, González e Ferrero, na inauguración do Interplay 2024
Regueira, González e Ferrero, na inauguración do Interplay 2024
O vicepresidente provincial e a deputada de Cultura, Natividade González, participaron esta mañá na presentación do festival, que se vai celebrar ata o domingo na capital bergantiñá convertido en referencia para as creadoras e creadores de contidos dixitais de todo o Estado, en boa parte grazas a implicación de Regueira, quen apostou polo proxecto desde o seu nacemento hai once anos.
Xosé Regueira: «O Carballo Interplay é un espazo para a reflexión e para a liberdade que se fai desde o respecto á diversidade»

Organizado polo Concello de Carballo e Carballo Turismo, con dirección e produción de Cósmica Producións, a undécima edición do Interplay botou esta mañá a andar, un ano máis, co patrocinio da Deputación da Coruña, representada hoxe na inauguración pola deputada de Cultura, Natividade González, e polo vicepresidente, Xosé Regueira, máximo valedor institucional do festival desde o seu nacemento. González e Regueira estiveron acompañados polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, e polas directoras do Interplay, Sonia Méndez e Andrea Villa.

A deputada de Cultura comezou a súa intervención salientando a importancia do festival: «O Interplay para min é un referente que traspasa as fronteiras de Carballo, aposta pola innovación e apoia a creación audiovisual en galego, como demostra o premio a Mellor Contido Dixital Galego, novo nesta edición na que estou segura da excelencia da súa programación». «Para min», engadiu, «é un inmenso pracer estar hoxe aquí como deputada, e para o noso departamento e para toda a Deputación é unha obriga colaborar con este tipo de proxectos. As administracións poñemos todos os recursos económicos, pero eses recursos económicos hainos que traducir en fitos coma este, que son de certo excepcionais e únicos».

González deulle os parabéns a Regueira, quen apostou polo proxecto e se implicou no festival desde o seu nacemento: «É de moito mérito sacar adiante proxectos, sobre todo no audiovisual, que son moi difíciles de visibilizar». A deputada estendeu as felicitacións ao Concello de Carballo, «un modelo de xestión cultural».

Regueira tamén gabou o traballo do Concello de Carballo e de Sonia Méndez e Andrea Villa, «sen quen non sería posible o cartelón do que gozaremos estes días: levan facendo once anos a milagre de traer a Carballo todo o bo que está pasando na internet e no mundo das webseries».

Para o vicepresidente, «o festival non é un festival calquera; o Interplay é moito máis ca un festival de contidos dixitais, de internet ou de webseries: é un espazo para a reflexión e para a liberdade e faise desde o respecto á diversidade; neste festival pasan moitas cousas e de todas esas cousas se aprende. Esa é a grandeza do Interplay: o respecto e o respecto á diversidade». 

Rematou Regueira a súa intervención cunha lembraza de dous nomes moi vencellados ao festival, xa falecidos: Pedro Brandariz e Miguel López, El Hematrocrítico, «dúas persoas que sempre estaban aí e que por desgracia agora nos faltan».

Xosé Regueira: «O Carballo Interplay é un espazo para a reflexión e para a liberdade que se fai desde o respecto á diversidade»