O DEPUTADO PROVINCIAL PECHOU EN BOIRO AS ACTIVIDADES PARA 2021 DO PROGRAMA #ACULTURAÉUNDEREITO

Xurxo Couto: "Os proxectos culturais deben atender á sustentabilidade desde a perspectiva ambiental, desde a política e desde a económica"

Couto, durante a súa intervención na xornada de Boiro
Couto, durante a súa intervención na xornada de Boiro

Na xornada 'Cultura sustentable, o reto postcovid', Couto salientou a necesidade de "atender á responsabilidade que temos como Administración, como profesionais e como público cos grandes retos que afectan á saúde do planeta e a importancia de tomar conciencia de como os proxectos locais repercuten e suman no contexto global de emerxencia climática no que estamos actualmente". Tamén fixo fincapé na "necesidade de promover e preservar valores identitarios propios, prestar especial atención ao que nos fai culturalmente singulares, porque na singularidade e na diferenza está unha parte importante da nosa riqueza como pobo".

Xurxo Couto: "Os proxectos culturais deben atender á sustentabilidade desde a perspectiva ambiental, desde a política e desde a económica"

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o técnico cultural, Alberto García, foron os encargados de abrir a xornada 'Cultura sustentable, o reto postcovid',  que tivo lugar no Centro Social de Boiro. A xornada, que forma parte do programa provincial ' A Cultura é un Dereito', tamén contou coa presenza do alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, e da concelleira de Cultura, María Outeiral.

Couto avogou por incorporar nos proxectos culturais criterios que atendan á sustentabilidade nas tres dimensións que se abordaron na xornada: desde a perspectiva ambiental, desde a política e desde a económica. "É preciso", dixo, "atender á responsabilidade que temos como Administración, como profesionais e como público cos grandes retos que afectan á saúde do planeta" e neste sentido salientou a importancia "de tomar conciencia de como os proxectos locais repercuten e suman no contexto global de emerxencia climática no que estamos actualmente". En relación á perspectiva política fixo fincapé na "necesidade de promover e preservar valores identitarios propios, prestar especial atención ao que nos fai culturalmente singulares, porque na singularidade e na diferenza está unha parte importante da nosa riqueza como pobo".

En canto á perspectiva económica, explicou: "Hai que buscar un equilibro entre a necesidade de xerar recursos económicos para os e as profesionais da cultura, procurando superar a precariedade laboral, e unha visión da cultura que vaia máis aló dun simple asento contable, non suxeito exclusivamente ás regras de mercado senón enfocada con altura de miras, como un servizo público que beneficia ao conxunto da cidadanía". Neste punto, asegurou que "a cultura debe ser entendida como unha necesidade social, como se entenden outros servizos como o alumeado público ou a rede de estradas, que non benefician a consumidores concretos senón a toda a cidadanía".

Desde o eido profesional, a perspectiva da sustentabilidade ambiental foi abordada pola consultora de sustentabilidade do pacto por unha cultura sustentable en Galicia, María Baqueiro, e polo integrante da comunidade de montes de Froxán, Joam Evans, nunha conversa moderada por Miguel Rial, do colectivo Fousas ao Monte. Neste bloque tamén estiveron presentes, como exemplos de proxectos sustentables, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza e o Festival Agrocuir, nunha exposición conducida por Fran Quiroga, coordinador do estudo de cultura e sustentabilidade do Consello da Cultura Galega.

O bloque dedicado a sustentabilidade política, contou coas intervencións de David Rodríguez, autor do blog 'O funambulista Coxo', e de representantes de Rexenerando Cooperativa, moderados pola poeta Charo Lopes. E no bloque dedicado a sustantabilidade económica participaron o xestor cultural especializado no ámbito dixital, Sergio Lago, a xestora cultural e xornalista María Yáñez e o técnico cultural Alberto García. A xornada rematou cunha actuación de 'AldaoLado'.

Xurxo Couto: "Os proxectos culturais deben atender á sustentabilidade desde a perspectiva ambiental, desde a política e desde a económica"