Natividade González: «Na área de Cultura da Deputación o BNG segue a apostar por políticas públicas a prol da recuperación do sentido de identidade, de comunidade e de pertenza»

Natividade González, na presentación do Resis 2025, hoxe na Coruña
A deputada de Cultura, Natividade González
O departamento que xestiona a titular provincial de Cultura vén de convocar a primeira edición do Fondo de proxectos singulares en lingua galega de especial interese cultural e orientados á mellora social. Un certame que repartirá 300 000 euros entre vinte iniciativas de acción social relacionadas coa igualdade, os dereitos civís, o respecto á diversidade, o respecto medioambiental, o medre da estima colectiva e cohesión social, a integración social, a memoria democrática ou a sensibilización patrimonial e identidade local.
Natividade González: «Na área de Cultura da Deputación o BNG segue a apostar por políticas públicas a prol da recuperación do sentido de identidade, de comunidade e de pertenza»

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de convocar a primeira edición do Fondo de proxectos singulares en lingua galega de especial interese cultural e orientados á mellora social. Dotado con 300 000 euros, o certame premiará vinte iniciativas culturais que desenvolvan propostas en lingua galega de interese para campos de acción social coma a igualdade, dereitos civís, respecto á diversidade, respecto medioambiental, medre da estima colectiva e cohesión social, integración social, memoria democrática ou sensibilización patrimonial e identidade local.

Co fondo, Cultura da Deputación quere contribuír a facerlle fronte, segundo González, «á preocupante evolución do noso principal signo de identidade como pobo: a lingua». «O galego perde uso e falantes e xa non é a lingua maioritaria do noso país. É unha realidade reversible, mais que necesita ser enfrontada de inmediato cunha estratexia de país. E todo isto coincide coa emerxencia do debate internacional sobre os dereitos culturais como novo paradigma desde o que pensar a cultura e as propias políticas culturais».

Deu contexto González para falar da pertinencia do novo fondo: «A proposta das políticas culturais máis avanzadas hoxe está volvendo poñer o foco en recuperar o sentido de identidade, de comunidade e de pertenza; en volver ligar o vínculo social desde unha mirada democrática, inclusiva, diversa, acolledora e integradora».

Para a deputada, «a cultura, as políticas culturais, deben servir para que as persoas e os pobos poidan desenvolver todo o seu potencial creativo e intelectual, e para gañaren no camiño autorecoñecemento e autoestima». «É preciso», engadiu, «rachar a percepción asentada da cultura como un espazo pechado para persoas xa iniciadas, alleo á vida cotiá, un territorio con carné de entrada para especialistas. E vindicar a cultura como práctica social da que todas e todos facemos parte. Para iso cómpre dar un paso adiante e desenvolver políticas culturais que poñan no centro a vida e as persoas».

«Desde area de Cultura da Deputación da Coruña», afirmou González, «no BNG consideramos que as administracións públicas galegas temos a obriga legal e o deber político de garantir que non se produzan discriminacións nin desigualdades, sexan estas da natureza que sexan, e dentro delas tampouco as que se dan nos usos lingüísticos. O ámbito público debe ser exemplar no seu esforzo e compromiso para facer posible en Galicia o que hoxe non o é: vivir con normalidade en galego, en todos os campos da vida social, cultural e económica».

Para logralo, «son fundamentais as políticas públicas que apoien claramente a diversidade cultural e garantan o dereito á produción e ao acceso cultural no noso idioma; non desenvolver políticas de apoio á lingua galega supón contribuír, por deixación de responsabilidade pública, á súa minoración social e á continuidade e agravamento da desigualdade hoxe existente», rematou.

Natividade González: «Na área de Cultura da Deputación o BNG segue a apostar por políticas públicas a prol da recuperación do sentido de identidade, de comunidade e de pertenza»