Natividade González: «Cultura, cooperación e territorio son os tres alicerces nos que se asenta a política cultural do BNG na Deputación da Coruña»
A Casa das Máquinas, en Compostela, foi escenario onte da charla 'Dereitos e cultura', programada polo festival SiSons, no que interveu como relatora Natividade González para defender as políticas culturais do BNG na Deputación da Coruña: «Cultura, cooperación e territorio: ao redor destes tres alicerces está centrada a política cultural da Deputación, e a partir deles procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial».
«A cultura é un dereito», afirmou González. «Tal é o convencemento que temos desa afirmación na área de Cultura da Deputación da Coruña», engadiu, «que ese lema representa o noso logotipo e a nosa imaxe institucional». «Cultura é identidade; é a nosa forma de relacionarnos e de habitar o planeta; e cultura tamén é igualdade, lingua, tradición e memoria; pero, sobre todo, cultura é transformación social, pois a cultura ten a capacidade de cambiar o sistema, de romper cos límites que xa están establecidos e de axudar a equilibrar unha sociedade que parece cada vez máis desigual».
O fin último, o obxetivo principal da Deputación, explicou a deputada do BNG, «é asistir os concellos; sobre todo, a aqueles con máis necesidades e poucos recursos. Así que a gran tarefa que temos por diante é a de administrar os nosos recursos de xeito responsable e eficiente; por iso, na Deputación defendemos un modelo cultural que vai máis aló dos grandes eventos e que prioriza o retorno económico, para apostar por unha cultura que coida, concilia, tece redes de apoio e convivencia e que, en definitiva, nos fai mellores».
Sen colaboración e o investimento económico non sería posible, argumenta González, o labor que lle corresponde ao seu departamento: «A cultura é unha ferramenta para a mellora social, e para isto é necesario apostar por traballar man a man cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Por iso, coas doce liñas de subvencións que temos abertas, cooperamos cos concellos, as entidades sen fins de lucro, as universidades, as fundacións, as empresas, os autónomos e as e os artistas; desde o local, desde a proximidade».
González salientou a relevancia dunha das propostas máis relevantes das que organiza o seu departamento: as Residencias Artísticas Mariñán, «coas que reforzamos o noso compromiso co desenvolvemento cultural sostible e o apoio ás novas xeracións de creadoras e creadores, o que repercute directamente no enriquecemento social e económico da provincia». «As Residencias», resumiu, «contribúen ao fomento da creatividade e á innovación, á descentralización cultural, ao desenvolvemento económico e turístico, á formación e ao intercambio cultural e a promoción do benestar social».
A deputada referiuse tamén a programas que forman parte do proxecto cultural da Deputación, «que que están están moi asentados e son un referente, como é o caso da Rede Cultural, a mellor e con máis investimento económico de toda a provincia, e os moitos premios e certames que convocamos co obxectivo de fomentar e visibilizar a creación en moi diferentes disciplinas». «Moitos deles son galardóns de referencia no noso país e mesmo fóra del», dixo en alusión ao Quero Cantar, de música infantil e xuvenil en galego; ao Fran Pérez "Narf", para artistas e bandas de pop, rock e outras músicas; ao Andrés Gaos, de composición musical; ao Luís Ksado, de creación fotográfica; ao Jesús Núñez, de gravado; ao Isaac Díaz Pardo, de pintura; ao Antón Fraguas, de artesanía; ao Torrente Ballester, de narrativa en galego e en castelán; ao Raíña Lupa, de literatura infantil e xuvenil; ao Miguel González Garcés, de poesía; ao Rafael Dieste, de teatro; ao Castelao, de banda deseñada; ao Manuel Murguía, de ensaio; ao Begoña Caamaño, para iniciativas culturais pola igualdade, e ao Certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia.
Sobre a programación propia do departamento de Cultura provincial, González asegurou: «En xeral, a deputación de A Coruña non é unha administración programadora; diriximos os nosos esforzos a apoiar e impulsar o territorio e facer posible que o fagan outros». «A través dos proxectos e actividades dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro», abundou, «a área de Cultura xestiona ou participa da programación de diferentes espazos culturais —o Teatro Colón, a Biblioteca Provincial, o Conservatorio Profesional de Danza— e organiza diferentes programacións propias no territorio, caso do Maio Jazz, a Festa da Música ou o ciclo Coa Nosa Voz».