Natividade González: «O modelo cultural que queremos na Deputación centra as políticas públicas nos piares fundamentais da lingua galega, a transformación social e o territorio»
Natividade González defendeu onte na Coruña o modelo cultural que o grupo provincial do BNG quere para a Deputación. Fíxoo na gala de entrega, no Teatro Colón, dos premios culturais convocados polo seu departamento en 2023. «Na área de Cultura da Deputación contamos cun modelo cultural propio que centra as nosas políticas públicas en tres piares fundamentais: a nosa lingua, a transformación social e o territorio», afirmou.
«Para nós», asegurou, «é unha responsabilidade e un deber ofrecervos, como administración pública que somos, os recursos necesarios para axudarvos no voso traballo, que devolvedes á sociedade en forma de pezas coma as que premiamos hoxe aquí». «Trátase», engadiu, «dunha liña de traballo prioritaria para nós, que levamos moitos anos implantando e que se exemplifica nestes premios, pero tamén noutras iniciativas pensadas para acompañarvos e apoiarvos durante os procesos creativos, e non só nesa reta final das vosas creacións. Falo das Residencias Artísticas de Mariñán, ás que vos convido a coñecer e participar nas vindeiras convocatorias, ou do Certame Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia».
A deputada salientou a importancia da cita de onte, «unha celebración do talento e da creatividade dos artistas galegos». «Somos afortunadas. Estamos ahora mesmo, aquí, ante o mellor talento da provincia de múltiples e moi diversas disciplinas artísticas: dende a literatura ata a música, pasando pola fotografía, a banda deseñada, a arte gráfica ou o teatro, entre outras. Esta xuntanza tan heteroxénea é inédita. Representa á perfección a riqueza cultural, o talento e o arte emerxente deste país».
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a xefa do servizo provincial de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat, acompañaron a González no reparto dos galardóns. A deputada do BNG entregou os premios Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, a Luz Fandiño (categoría de traxectoria) e á cooperativa A Morada (categoría de iniciativa); Castelao de banda deseñada, a Paula Mayor (modalidade xeral) e a Cristian F. Caruncho (modalidade LIX); Isaac Diaz Pardo de arte, a Berio Molina, e Rafael Dieste de teatro, a Alberto Ramos.
Os outros galardoados foron Juan Carlos Escudero (XVIII Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica), Fuco Reyes (Luís Ksado de creación fotográfica), Eduardo Soutullo (Andrés Gaos de composición musical), Satélite Salitre (Fran Pérez, Narf, para grupos e artistas musicais), Blanca Paula Rodríguez Garabatos (Manuel Murguía de ensaio), Rafael Fernández Lorenzo (Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil), César Cequeliños (Torrente Ballester de narrativa en galego) e Jesús María Antón e a Anna Maria Blasco (Torrente Ballester de narrativa en castelán).