Este mércores en Mariñán, o dereito a participar na cultura, a debate

Presentación do programa A Cultura é un Dereito, con Goretti Sanmartín
Presentación do programa A Cultura é un Dereito, con Goretti Sanmartín.

"Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias” é o título da primeira xornada do programa “A Cultura é un Dereito” que a área de Cultura da Deputación da Coruña organiza en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

Este mércores en Mariñán, o dereito a participar na cultura, a debate

A xornada iniciarase coa presentación da súa responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei e o presidente da asociación Alberto García para dar paso á mesa que abordará as experiencias do asociacionismo e activismo cultural coa participación do historiador Ricardo Gurriarán, gran coñecedor da historia das asociacións culturais, o fundador da Asociación Cultural Xermolos e o Festival de Pardiñas, Alfonso Blanco, o integrante da compañía Chévere, Xesús Ron e a presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo.

 

O asociacionismo que dinamizou a cultura galega e o dereito a participar na cultura son os principais protagonistas do encontro que reunirá a máis de vinte especialistas e representantes de proxectos  singulares no ámbito da cultura animarán a reflexión sobre os cambios experimentados e a situación actual desde o punto de vista do acceso á cultura.

 

A seguir, tres novas experiencias responderán ao título O pobo (é quen máis ordena) na cultura con Almudena Vega Hermida, presidenta da Asociación O Castelo de Narahío do Río Castro (Festival do Río Castro), o investigador en cultura e participación social, Fran Quiroga, e a música e coordinadora do Coro da Mariña, Ugia Pedreira.

 

A xornada servirá tamén para avaliar o estado da xestión cultural nun encontro que se desenvolve arredor do décimo aniversario da AGPXC nun encontro que moderará o seu presidente Alberto García e no que participarán a técnica de cultura Pilar López, o responsábel do Grupo SEPA-Interea, Héctor Pose, o xestor cultural da Deputación, Xavier Campos e o director de Sinsalaudio, Julio Gómez.

 

O Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural será o protagonista da sesión de tarde con representantes de proxectos recoñecidos como Fálame de San Sadurniño, a Feira Histórica 1900 de Arteixo, as Fotos para as mil historias de Carral, Muros Mira o mar ou o FIOT de Carballo.

 

“Queremos que neste encontro se produza un debate que analice de maneira crítica a situación da cultura, con vontade de construír e imprimir as boas prácticas na dinamización e  democratización da cultura que, como repetimos, é un dereito de todos e todas”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.
 

Máis información en http://aculturaeundereito.gal/

Este mércores en Mariñán, o dereito a participar na cultura, a debate