XOSÉ REGUEIRA CRE NECESARIO INCORPORAR A PERSPECTIVA DE XÉNERO EN TODA A ACTIVIDADE DA INSTITUCIÓN PROVINCIAL

María Muíño, no comezo da campaña de Igualdade da Deputación polo 8M: «Non podemos admitir que se sigan condenando as mulleres a traballos precarizados»

Muíño, durante a súa intervención hoxe no comenzo da campaña polo 8M
Muíño, durante a súa intervención hoxe no comenzo da campaña polo 8M

«As mulleres estamos moi fartas de que todo o que teña que ver cos nosos dereitos sexa cuestionado, obxecto dun exame constante de opinións, descualificacións e argumentación tendenciosas». Así comezou a intervención de María Muíño no acto institucional que tivo lugar esta mañá na sede da Deputación da Coruña co gaio da celebración do 8M, no que participaron tamén o vicepresidente, Xosé Regueira, e representantes de todos os grupos políticos da corporación, e ao que puxo música o dúo Fillas de Casandra.

María Muíño, no comezo da campaña de Igualdade da Deputación polo 8M: «Non podemos admitir que se sigan condenando as mulleres a traballos precarizados»

A campaña 'É por ser muller, da área de Igualdade da Deputación polo 8M, botou a andar esta mañá na sede da institución provincial. Presentouna a nosa deputada e responsable do departamento, María Muíño, quen se mostrou contundente contra o machismo en toda a súa intervención: «As mulleres estamos moi fartas de que todo o que teña que ver cos nosos dereitos sexa cuestionado, obxecto dun exame constante de opinións, descualificacións e argumentación tendenciosas».

«Ou se lexisla e se fai que as leis se cumpran», afirmou Muíño, «ou o camiño da igualdade será moi complexo». «Hai que escoitarnos», engadiu, «e temos que ser tallantes con todos eses discursos que teiman en cuestionar as nosas reivindicacións e mais os nosos dereitos xa conquistados».

Para Muíño non se pode andar con panos quentes contra a desigualdade: «As mulleres non queremos ter que estar continuamente discutindo a fenda salarial; non queremos ter que estar reclamando as duplas xornadas: hai que erradicalas e impedir que se diten leis que só serven aos intereses do capitalismo máis voraz».

«Non podemos admitir que se sigan condenando as mulleres a traballos precarizados, esclavistas, onde abundan os contratos parciais que condenan a moitas de nós a vivir na pobreza e nas exclusión social», dixo para rematar.

O vicepresidente, Xosé Regueira, foi un dos encargados de ler a "Declaración Institucional do 8 de Marzo, Día Internacional polos dereitos das mulleres", aprobada na sesión plenaria do mes de febreiro. «Temos a obriga», salientou, «de intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar a incorporación das mulleres ao mercado laboral a través do emprego de calidade, o empoderamento e a educación para a igualdade de oportunidades».

«Debemos», insistiu, «incorporar a perspectiva de xénero en toda a actividade da institución provincial e seguir colaborando coa sociedade da provincia no desenvolvemento de políticas públicas de igualdade e de loita contra a violencia machistas».

María Muíño, no comezo da campaña de Igualdade da Deputación polo 8M: «Non podemos admitir que se sigan condenando as mulleres a traballos precarizados»