Goretti Sanmartín celebra que o legado de Carlos Maside pase a formar parte do patrimonio público de Santiago de Compostela
A Deputación da Coruña financia a compra das obras que se expoñen no Pazo de Fonseca
O legado de Carlos Maside pode verse xa na exposición que se abriu no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destacou que con esta operación dáse un paso adiante na recuperación da identidade cultural de Santiago de Compostela.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, participou no acto de inauguración da exposición co legado de Carlos Maside que permanecerá aberta no edificio do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago e mostrou a súa satisfacción polo que, segundo dixo, "supón un reencontro coa verdadeira identidade de Santiago". Goretti Sanmartín destacou a relevancia que para o concello ten a "recuperación do legado de Carlos Maside, unha figura de especial importancia na nosa historia da arte mais tamén na historia de Santiago de Compostela que é onde creou boa parte da súa obra, desde a Rúa do Vilar en que estaba situado o seu estudo". Neste sentido, Goretti Sanmartín defendeu a necesidade de reencontrarse "con esa identidade cultural da cidade que se está a perder a pasos axigantados" e lembrou que na que chamou a "arteria cultural" de Santiago instaláranse librarías, estudos de arte e fotografías, unha sala de espectáculos ou mesmo tertulias literarias nun espazo que "agora está sucumbindo fronte á invasión de tendas de souvenirs sen que quede case pegada desa historia que forma parte da identidade e o valor do concello".
A vicepresidenta da Deputación da Coruña agradeceu de maneira especial á Plataforma Carlos Maside e á familia do artista ademais das distintas institucións a colaboración na operación que remata felizmente conservando íntegra a colección en Santiago de Compostela. "Este é un fito para Santiago porque Carlos Maside é, sen dúbida, unha das figuras principais que convida a encontrarnos coa nosa arte nunha cidade que ten que mostrar o potencial da nosa cultura", sinalou.
A Deputación da Coruña fixo unha achega de 215.000 euros para a compra da colección de Carlos Maside, o importante legado que supón unha "autoantoloxía" e o "testamento pictórico" dun dos máis relevantes artistas do século XX e que permanecerá na cidade en que o artista tivo o seu estudo. A compra das 21 obras foi cofinanciada polo Consorcio de Santiago de Compostela, entidade coa que a Deputación da Coruña asinou o convenio para a adquisición da coleccións que era propiedade das persoas herdeiras de Carlos Maside. "Con esta colaboración institucional ponse ao dispor do público este importante conxunto de obras de Carlos Maside, que constitúe unha mostra da traxectoria dun dos máis relevantes artistas do século XX, renovador da pintura galega e unha figura de incuestionábel influencia na intelectualidade do seu tempo e nas xeracións de artistas que tiveron nel unha referencia indispensábel", destaca a vicepresidenta da Deputación da Coruña.