A FEMP e o Goberno central premian o traballo contra a violencia de xénero da Deputación

area de Igualdade
Ánxela Franco, esta mañá, co equipo de Igualdade e Servizos Sociais.

Programas como 'Quen dixo medo?' ou 'Suprime o control' contribúen á prevención na mocidade.

A FEMP e o Goberno central premian o traballo contra a violencia de xénero da Deputación

A Deputación da Coruña vén de ser recoñecida polas súas boas prácticas contra a violencia de xénero, premio que concede a Secretaría de Estado de Igualdad e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) . O premio destaca a acción en sensibilización e prevención na que se enmarcan programas como Quen dixo medo? ou Suprime o control.

 

A Secretaría de Estado de Igualdad e a FEMP recoñecen á Deputación da Coruña cun premio que valora o traballo desenvolvido no ámbito da sensibilización e prevención, de apoio ás mulleres vítimas e de detección e coordinación arredor da violencia machista. Os premios se entregarán o vindeiro 29 de novembro na sede da Federación Española de Municipios e Provincias de Madrid. "Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña temos un compromiso activo nas políticas contra a violencia contra as mulleres e, de maneira especial, no traballo coa xente nova porque, para nós, é a mellor maneira de construír unha sociedade igualitaria e sen machismo", sinala a Deputada da área de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco.

 

Neste sentido, o programa socioeducativo Suprime o control para a prevención de violencia de xénero dirixido a alumnado de 3º e 4º da ESO chegará nesta nova edición a 11 centros educativos das comarcas de Ferrol e Eume-Ortegal, despois de que o pasado ano contase coa participación de 534 alumnos e alumnas. A Deputación da Coruña ten tamén en activo o programa Quen dixo medo? que continúa a súa actividade en distintos concellos da provincia con obradoiros sobre as TICs, charlas sobre afectividade e sexualidade, xincanas coeducativas, contacontos ou obradoiros infantís que se desenvolven en CEIPS e centros municipais.    

 

Ademais, desde a área de Igualdade promóvese un concurso de guións contra a violencia de xénero como ferramenta de traballo e debate nos centros escolares que logo se converte en proxecto audiovisual. O vindeiro día 30 de novembro estrearase en Sada a curtametraxe gañadora da anterior edición do concurso titulada Deámoslle voz e elaborada polo alumnado do IES Isaac Díaz Pardo de Sada. A Deputación da Coruña traballa tamén, desde a área de Igualdade, na elaboración da Diagnose da situación Compartimos plan que terá o vindeiro 23 de novembro unha xuntanza da Comisión de Seguimento dunha liña de actuación que quere ser unha ferramenta útil para implementar medidas concretas e traballar de maneira eficaz nun ámbito de especial relevancia para combater a violencia

A FEMP e o Goberno central premian o traballo contra a violencia de xénero da Deputación