A INSTITUCIÓN PROVINCIAL DESTINA NESTE EXERCICIO 1.170.00 EUROS A ESTAS DÚAS LIÑAS DE AXUDA
Cultura da Deputación da Coruña financia a contratación de técnicos de xestión cultural nos concellos e de persoal de atención de museos municipais
A área de Cultura da Deputación da Coruña destina neste exercicio 1.170.000 euros ás liñas de axudas para a contratación de persoal técnico para a atención de museos e centros museísticos, e para o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico nos servizos municipais de Cultura. O prazo de presentación de solicitudes comezou hoxe e rematará o 25 de febreiro en ambas liñas.
Estas dúas liñas de axuda teñen por obxectivo fundamental a profesionalización das áreas de cultura municipais e a creación de emprego no sector. "Contribuír á profesionalización dos departamentos de cultura nos concellos, promover boas prácticas, e fomentar as programacións culturais estables é a finalidade destas dúas convocatorias que, pensamos, son indispensables para achegar a cultura de calidade a toda cidadanía", asegura o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
No caso das axudas para para o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico nos servizos municipais de Cultura, a partida orzamentaria total ascende a 770.000 €. Poderán presentar solicitude os concellos e outras entidades locais con persoal técnico en xestión cultural e/ou animación sociocultural. Nesta liña, establécese un máximo de 10.000 €, no caso dos técnicos en animación sociocultural, e 15.000 €, no caso do persoal técnico en xestión cultura.
En canto á liña destinada a persoal de atención a museos e centros museísticos municipais, a partida orzamentaria total é de 400.000 €. Está dirixida a concellos e entidades locais de menos de 50.000 habitantes, xestoras de museos ou centros de interpretación de carácter permanente depositarias de bens mobles, obxectos ou tetemuños de valor histórico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico de interese local, e que é necesario protexer e divulgar. Neste caso, as bases establecen un mínimo de 10.000 euros e un máximo de 20.000 euros por axuda.