Agra e González destacan o esforzo económico da Deputación nas liñas de subvencións aos servizos de normalización lingüística e ao personal técnico de museos
Natividade González e Sol Agra puxeron hoxe en valor o esforzo económico que este exercicio fará a Deputación para financiar os gastos de persoal técnico de atención de museos e centros museísticos (339 600 euros, que se repartirán entre 19 beneficiarios) e tamén os servizos municipais de normalización lingüística (480 000 euros, entre 24 concellos).
«Esta liña de subvencións», explicou a titular de Cultura, «é parte da nosa política de apoio aos servizos municipais de cultura, pois somos moi conscientes da necesidade e da relevancia de fortalecer o tecido cultural local a partir dos que deben ser uns dos seus motores: as políticas culturais públicas; neste caso, para reforzar a estrutura de traballadores e a capacidade económica dos concellos para que melloren e profesionalicen o persoal técnico de museos e centros museísticos».
Para a responsable de Lingua, «os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza e, polo tanto, poden cumprir un papel esencial á hora de promover o uso do galego». «Neste sentido», engadiu, «a Deputación da Coruña quere conservar a axuda á creación ou mantemento dos servizos de normalización lingüística (SNL), que dan apoio fundamental aos municipios no seu labor normalizado». Agra salientou o labor do persoal dos SNL, «que contribúe a incrementar o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos e sectores do eido territorial das entidades, non só no seo das propias administracións».
«Como sinalan todos os datos dos estudos científicos realizados ao respecto», afirmou Agra, «a lingua galega continúe hoxe a vivir unha situación de evidente desigualdade social, así que, como administración, a Deputación ten a obriga de contribuír, neste caso economicamente, a que non se produzan discriminacións nin desigualdades, sexan estas da natureza que sexan, e dentro delas tampouco as que se dan nos usos lingüísticos». «O ámbito público», rematou,«debe ser exemplar no seu esforzo e compromiso para facer posible na Galiza o que hoxe claramente non o é: poder vivir con normalidade en galego, en todos os campos da vida social, cultural e económica».