Sol Agra presentou a campaña do departamento de Lingua da Deputación para homenaxear a Luísa Villalta

Agra, durante a presentación, hoxe, da campaña de homenaxe a Luísa Villalta
Agra, durante a presentación, hoxe, da campaña de homenaxe a Luísa Villalta
Agra destacou a figura de Villalta, “unha muller que coñeciamos ben aquí na casa e no concello da Coruña e a sexta das mulleres en sesenta e unha edicións, incriblemente, que vai ser homenaxeada no Día das Letras Galegas”.
Sol Agra presentou a campaña do departamento de Lingua da Deputación para homenaxear a Luísa Villalta

Sol Agra presentou esta mañá na sede provincial a campaña que o departamento de Lingua da Deputación programou para honrar a Luísa Villalta, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Acompañárona Diana Varela Puñal, secretaria a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, colaboradora na organización; Clara Porto, comisaria da gala incluída no programa, e a ilustradora Xulia Pisón, autora do cartel e do grafismo da campaña.

Agra destacou a figura de Villalta, “unha muller que coñeciamos ben aquí na casa e no concello da Coruña e a sexta das mulleres en sesenta e unha edicións, incriblemente, que vai ser homenaxeada no Día das Letras Galegas”. “E unha muller”, engadiu, “que, ademais de senlleira nas letras, sobresaíu en moitas outras facetas: filóloga, activista, música e mestra... unha muller moi completa para a que quixemos tamén facer unha programación moi completa”. Programación que, como sinalou a deputada, non se centrará só no mes de maio: “Coma, sempre, na nosa área de Lingua quixemos saír da data exacta das Letras Galegas e ampliar as actividades arredor da homenaxeada durante o resto do ano”.

“Hai moitas autoras e autores”, dixo Agra, “que cando se homenaxean polo Día das Letras non son tan coñecidos ou só se resalta a súa figura nese día e nese ano, pero Luísa é unha autora, unha escritora, unha multifacética persoa á que se seguiu homenaxeando moito, e moito tempo despois do seu pasamento, a través do tecido asociativo de moitas localidades, especialmente o da Coruña: a asociación Alexandre Bóveda, a de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, tamén institutos nos que ela foi mestra.

A campaña ten como cita destacada a gala que se celebrará o 15 de maio no Teatro Colón da Coruña, ás 19.30 horas, conducida polas poetas Yolanda Castaño e Dores Tembrás. Tomando como punto de partida o prólogo d’A música reservada, o primeiro poemario publicado por Villalta, seis artistas inspiraranse para compoñer pezas musicais e performativas que dialogan intimamente co corpo e co mundo sonoro da escritora: Janet Novás, Mercedes Peón, Elena Vázquez Ledo, Hugo Gómez-Chao, Adriana Aranda e Eva Vieites. Tamén subirán ao escenario o cuarteto de arpas célticas Lulavai e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. As entradas, de balde, na billeteira do teatro desde media hora antes do comezo da gala.

As propostas do programa espallaranse ao longo de todo ano.
    • 20 obradoiros sobre Luísa Villalta, con especial fincapé na perspectiva de xénero, en centros de Primaria e Secundaria da provincia. Impartiranos María Canosa, Estíbaliz Espinosa, Eli Ríos, Maribel Loureira, Chisco Fernández Naval, María Cazar e Eva Veiga. Ademais, un de escritura creativa, que xa se comezou en Santiago, conducido por Marga Doval.
    • 17 contadas infantís en diferentes localidades coruñesas, nas que se repartirán 300 exemplares de Tinta do mar, biografía de Villalta asinada por Polo Correo do Vento e ilustrada pola artista plástica Tania Solla.
    • Distribución de 300 exemplares da novela de Villata As chaves do tempo —reeditada por Cuarto de inverno logo de ano fóra de catálogo— nas actividades organizadas pola Deputación, bibliotecas e axencias de lectura de toda a provincia.
    • Realización dunha peza audiovisual sobre a vida e obra de Villalta, con intervencións de persoas que a coñeceron ben. O vídeo compartirase na web da Deputación.

Sol Agra presentou a campaña do departamento de Lingua da Deputación para homenaxear a Luísa Villalta