Sol Agra avoga por "formar parte" do compromiso e da solidariedade na gala de homenaxe a Luísa Villalta

Agra, na súa intevención na gala celebrada onte no Teatro Colón da Coruña
Agra, na súa intevención na gala celebrada onte no Teatro Colón da Coruña
A titular de Igualdade lembrou os versos da homenaxeada este ano polas Letras Galegas para facer unha sentida alegación contra os discursos de odio e o xenocidio do pobo palestino, e en defensa da xusticia social. Acompañaron a Agra no Colón Xosé Regueira, Natividade González e Avia Veira, nunha velada á que Cristina Rey e Xosé Penas non puideron asistir por outros compromisos institucionais.
Sol Agra avoga por "formar parte" do compromiso e da solidariedade na gala de homenaxe a Luísa Villalta

«Quero imaxinala, parafraseando o poema Abrente, a procurar coas súas mans no tempo aquilo que é; e de  seguro que poderiamos atopala defendendo este país contra a depredación medioambiental, pedindo a paz e o diálogo neste mundo tan belixerante no que vemos a diario cada día máis discursos de odio; levantando o seu lapis para escribir e recitar versos contra o xenocidio do pobo palestino, porque Luísa era a musa das palabras de compromiso, de solidariedade, de xustiza social, de amizade».

Con esta sentida alegación subliñou o seu discurso Sol Agra na gala de homenaxe co que o departamento de Lingua da Deputación honrou onte, no Teatro Colón da Coruña, a figura e a obra de Luísa Villalta, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas; a sexta muller en 61 anos do homenaxe, como lembrou a deputada do BNG. Acompañaron a Agra Xosé Regueira, Natividade González e Avia Veira, nunha velada á que Cristina Rey e Xosé Penas non puideron asistir por outros compromisos institucionais.

Tamén recorreu á paráfrase Agra para despedirse, «coa intención de ir coma Villata, formando parte, non abandonándome», en referencia aos versos da poeta coruñesa: Así vou eu / formando parte / Non me abandono e formo parte.

Agra tivo palabras de eloxio para Villata durante toda a súa intervención: «Luísa revélase, rebelde, contra os ditados sociais impostos no seu nacemento; revélase na lingua, na poesía, na música, no activismo social e tamén na militancia política. Luísa está presente  en toda canta causa xusta se pon no seu camiño».

A deputada de Igualdade lembrou tamén a traxectoria da poeta: «A Luísa encontrámola participando nas asociacións culturais desta cidade que tanto amaba, organizando e participando en centos de actos e presentacións en entidades coma a Alexandre Bóveda, formando parte da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, do Foro da Cultura Galega e da Mesa da Normalización Lingüística, entre outras moitas.

«Luísa», dixo Agra, «era unha artista coma as do Renacemento; cultivou múltiples artes e en todas elas  destacou: violinista incríbel, poeta premiada, ensaísta, dramaturga, filóloga... Mais, por enriba de todo, Luísa era consciente do espazo que habitaba e do que iso supoñía».

«A poeta da cidade alta», rematou, «non era allea á loita nin aos fracasos. A súa obra, coma a súa vida, non escaparon ás decisións controvertidas, aos espazos incómodos nos que os condicionamentos literarios transcendían a estética e se transformaban en militancia política e social, en defensa dun urbanismo menos salvaxe, dunha vida en igualdade e sen violencias contra as mulleres, dun país no que falar a lingua propia fora a normalidade».

 

Sol Agra avoga por "formar parte" do compromiso e da solidariedade na gala de homenaxe a Luísa Villalta