TURISMO, PATRIMONIO

A Senda dos Faros conectará 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte

Cabo Ortegal.
Cabo Ortegal.

Construiránse case 60 novos quilómetros de rutas ciclistas.

A Senda dos Faros conectará 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación da elaboración do proxecto da Senda dos Faros, que conectará con sendas ciclistas 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte, ao que se destinan 60.500 euros. O obxectivo do goberno provincial é que os fondos europeos financien o 80% do investimento, mentres que a Deputación asumiría o 20% restante con fondos propios.

 

Coa contratación deste proxecto, a Deputación pretende potenciar os faros  das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico. Para elo, crearanse sendas ciclistas cun ancho aproximado de 2 metros que conecten os faros coas poboacións máis próximas, facilitando deste modo o acceso. As sendas construiranse en 11 faros (Estaca de Bares, Cabo Ortegal, Punta Frouxeira, Punta Nariga, Cabo de Cee, Lariño, Punta Queixal, Laxe, Cabo Vilán, Fisterra e Caco Touriñán) , creando 59,6 quilómetros de novos itinerarios ciclabes. En total, o investimento previsto para executar este proxecto estímase en 5,1 millóns de euros.

 

A Deputación considera que este proxecto terá unha gran importancia para promover o turismo e diversificar a economía das poboacións costeiras nunha provincia que conta con 26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa.