Regueira e Agra trataron na localidade suíza de Delémont a posible chegada á Coruña da exposición sobre a emigración galega 'Taxi-Compostela'

Agra e Regueira, na entrada do Museo du Xura
Agra e Regueira, na entrada do Museo du Xura
«As mulleres desempeñaron un papel protagonista e fundamental, foron quen de construir unha nación, unha 'matria', e de facer país fora del», apuntou Agra. Sobre a mostra, Regueira dixo que amosa «tan ben unha realidade de moitos galegos e galegas e é unha homenaxe a todas esas persoas que tiveron que deixar Galiza para formar un segundo país a partir da nosa idantidade aquí, nesta terra tan marabillosa».
Regueira e Agra trataron na localidade suíza de Delémont a posible chegada á Coruña da exposición sobre a emigración galega 'Taxi-Compostela'

Xosé Regueira e Sol Agra viaxaron o domingo ata Suiza para visitar no Museo du Xura, na cidade de Delémont, a exposición "Taxi-Compostela". Reuníronse coa directora do centro, Nathalie Fleury; co comisario da mostra, o xornalista Antonio Rodríguez; co fotógrafo Pierre Montalvon; co Ministro Conselleiro da Embaixada de España en Berna, Francisco de Miguel, e co Conselleiro de Asuntos Científicos e Culturais da Embaixada Suíza para España e Andorra, Alberto Giovanetti. Na axenda da xuntanza estaba buscar posibles vías de colaboración para que a Deputación presente a exposición na provincia da Coruña.

A deputada de Lingua e Igualdade salientou o legado feminino da emigración na conservación da lingua e na preservación histórica. «As mulleres tiveron un papel protagonista e fundamental, foron quen de construir unha nación, unha 'matria´, e de facer país fora del, deixando atrás os seus fogares e, en moitos casos, ata as súas crianzas, para, con moito traballo e sacrificio, darlles un presente e un futuro mellor».

Sobre reunión, Agra dixo que supoñía «unha colaboración transnacional e un compromiso da Deputación coa preservación da memoria histórica, tendendo unha ponte entre dúas realidades xeográficas e culturais distantes pero unidas pola historia e as experiencias compartidas da emigración».

«A emigración da nosa provincia a Suiza e, máis concretamente, a esta zona, forma parte da nosa esencia e da nosa historia recente», comentou Regueira, quen coñeceu a exposición o pasado mes de xaneiro nunha visita que fixo a Delémont coa eurodeputada do BNG Ana Miranda. «E dende as administracións públicas debemos sacar peito de fitos como este que forman a nosa memoria colectiva». 

O vicepresidente referiuse á mostra nestes términos: «Amosa tan ben unha realidade de moitos galegos e galegas e consitúe unha homenaxe a todas esas persoas que tiveron que deixar Galiza para formar un segundo país a partir da nosa idantidade aquí, nesta terra tan marabillosa».

Inaugurada en setembro de 2023 en Suíza, «agora é o momento de que viaxe ata Compostela», dixo Regueira, «e de que percorra todos eses lugares de orixe dos migrantes». «Dende a Deputación», afirmou, «faremos todo o posible para traer á provincia da Coruña a mostra e o seus protagonistas».

Tanto Regueira coma Agra coincidiron na importancia de que "Taxi-Compostela" chegue a Galicia, pois e deputado e a deputada do BNG están convencidos de na capacidade da exposición para dar voz e recoñecemento á vida dos emigrantes galegos, recuperar e preservar unha parte da memoria histórica da diáspora europea para as futuras xeracións e poñer en valor o papel fundamental que desempeñou a muller neste proceso migratorio, destacando a súa contribución á comunidade e o seu rol como piares fundamentais na preservación da cultura e a lingua.

Regueira e Agra trataron na localidade suíza de Delémont a posible chegada á Coruña da exposición sobre a emigración galega 'Taxi-Compostela'