BENESTAR SOCIAL

Ánxela Franco completa as tres diagnoses no seu departamento cun estudo de accesibilidade que promove Benestar Social

Di Coruña accesible conta cun investimento de 73.000 euros e avanzará os primeiros resultados en abril de 2019.

Ánxela Franco completa as tres diagnoses no seu departamento cun estudo de accesibilidade que promove Benestar Social

Ánxela Franco, a deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade, presentou este martes na Deputación o terceiro diagnósticos do seu departamento para poñer ao día a Deputación en políticas concretas de Igualdade (Compartimos Plan), Servizos Sociais (Rede de Concellos para o Benestar) e Benestar Social (Di Coruña accesible). "É un esforzo importante para o orzamento da Deputación, pero son políticas que temos que facer nós, para ser exemplares e indicar o camiño aos concellos", dixo a deputada nacionalista. E insistiu: "traballamos en función do medio e do longo prazo". 

 

A finalidade de Di Coruña accesible é fomentar a accesibilidade universal, co fin de que todas as áreas e actuacións que vaia desenvolver este organismo teñan en conta a accesibilidade como unha variable transversal. A análise pretende detectar as necesidades que ten a Deputación en canto aos tres tipos de accesibilidade -a física, a cognitiva e a sensorial-  e adoptar medidas precisas para que se supere a situación de desigualdade que se produce cando non se cumpre.

 

O estudo non estará listo até abril de 2019. Leva un orzamento de 73.000 euros e foi encargado á empresa Combina Social. Álvaro García, responsable da área de Accesibilidade e Formación de Combina Social, destacou o obxectivo do programa: "poder dicir que temos unha provincia accesible", e subliñou a sensibilidade de Benestar Social ao establecer unha cláusula para reservar o contrato a empresas que empregan a persoas con discapacidades.

 

Ánxela Franco estivo ademais acompañada por Paula Filgueiras, técnica de Servizos Sociais, e Belén Vaz, arquitecta e coordinadora de equipo de Combina Social. Filgueiras explicou en que consistirá o estudo: análise DAFO da institución provincial no ámbito da accesibilidade, detección de necesidades e informe con recomendacións, medidas e criterios a establecer. Belén Vaz, pola súa banda, deu conta de como se levará adiante a análise previa do programa Di Coruña accesible' O primeiro, un estudo dos edificios e, despois, un proceso participativo para que as traballadoras e traballadores identifiquen barreiras físicas, cognitivas e sensoriais.