Xosé Regueira convida aos entes de xestión a crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo

Xosé Regueira. BNG
Xosé Regueira. BNG
O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña defende a necesidade de empregar os recursos con eficacia para acadar a maior rendibilidade neste tempo de crise para o sector
Xosé Regueira convida aos entes de xestión a crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo

O vicepresidente e deputado de Turismo, o nacionalista Xosé Regueira, destacou nunha xuntanza con representantes dos entes de xestión a necesidade de fomentar novos destinos e crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo. Apuntou á necesidade de aproveitar os recursos e apostar pola rendibilidade nun momento en que é urxente traballar pola recuperación dun sector especialmente afectado pola crise do coronavirus.

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse con representantes dos entes de xestión turístico para avaliar os resultados da anterior convocatoria e avanzar nas novas liñas de traballo para este ano ao abeiro da nova convocatoria de axudas que está aberta para presentar proxectos até o vindeiro 5 de febreiro.

"Os entes de xestión van ser pezas clave á hora de traballar pola recuperación do sector e axustar as programacións ás esixencias deste momento, tanto aos requisitos sanitarios cambiantes da evolución da pandemia como á conmemoración do Xacobeo que está a provocar expectativas que agardemos que se poidan cumprir", explicou Xosé Regueira na xuntanza con representantes dos catorce entes de xestión que operan no territorio da provincia da Coruña e que son os destinatarios da liña de axudas que a área de Turismo da Deputación da Coruña dota nesta nova edición con 900.000€

Na reunión, valorouse a especial relevancia deste ano 2021 que se presenta como fundamental para a recuperación do sector turístico e tamén a necesidade de adaptar as programacións dos entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos ás singularidades especiais impostas pola pandemia nun ano de limitacións que cadra coa celebración do Xacobeo. Neste sentido, Regueira defendeu a conveniencia de axustar os orzamentos das axudas ás que o pasado ano concorreron catorce entidades ás expectativas e necesidades actuais, co maior grao de eficacia posíbel dada a limitación de recursos da situación actual.

"Vai ser necesario deseñar e crear novos produtos turísticos complementarios ao Xacobeo, en especial no ámbito do turismo urbano que é o gran damnificado da pandemia e é o que xera máis beneficios porque temos que traballar co obxectivo de que o turismo que chegue ten que deixar un maior retorno económico no territorio", apuntou Xosé Regueira, arredor das liñas fundamentais que deben orientar a planificación turística nestes meses fundamentais en que o sector se atopará aínda con importantes restricións pola covid.

As persoas representantes das entidades beneficiarias das axudas a través da liña de concorrencia competitiva para a mellora da calidade e a competitividade do sector que inclúe a organización de eventos e financiamento de iniciativas turísticas aplaudiron a comunicación directa coa área de Turismo da Deputación da Coruña neste momento en que está aberto o prazo de presentación de propostas. Mostraron tamén a vontade de que a comunicación continúe con xuntanzas mensuais de valoración e avance de traballo.

Ademais, destacaron o esforzo da Deputación da Coruña, fronte ao que acontece nas convocatorias doutras institucións, para axilizar prazos que facilite desenvolver con fluidez as súas programacións anuais e tamén a comunicación directa co equipo técnico e político da área de Turismo. A Deputación da Coruña ten aberto o prazo até o vindeiro 5 de febreiro para presentar proxectos e iniciativas á convocatoria pola que se outorgarán axudas de até 120.000 € por entidade.

Entre outros criterios para a concesión das axudas están o número de prazas de aloxamento en establecementos turísticos, a poboación residente no territorio ou a propia valoración dos proxectos presentados.

"O traballo conxunto cos entes de xestión é proveitoso para a mellora da eficacia dos recursos públicos e tamén para responder ás necesidades e urxencias dos distintos xeodestinos co cal as xuntanzas mensuais. O Xacobeo vai requirir sumar forzas para a maior rendibilidade e adaptar os programas para conseguir a maior eficacia despois de meses tan duros para o sector", apuntou Regueira.

Xosé Regueira convida aos entes de xestión a crear produtos turísticos complementarios ao Xacobeo