Turismo da Deputación aposta polo territorio do Xeoparque de Ortegal para os Plans de sustentabilidade
Supón inxección económica e mostra á Unesco o interese do proxecto polo desenvolvemento turístico sustentable
A área de Turismo da Deputación da Coruña iniciou o proceso para a presentación da candidatura do proxecto de Xeoparque de Ortegal aos Plans de sustentabilidade turística en destino para o territorio. De acadar o recoñecemento, a iniciativa non só recibiría a inxección económica da convocatoria senón que mostraría tamén a aposta do proxecto por un modelo de turismo responsable e máis acaído para a recuperación despois da pandemia.
O proxecto de Xeoparque de Ortegal, que integra territorio pertencente aos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, é o protagonista da aposta da área de Turismo da Deputación da Coruña para optar aos Plans de sustentabilidade turística.
No inicio do proceso para a presentación da candidatura, a Deputación apunta que o proxecto, que está a traballar co obxectivo de conseguir a declaración de Xeoparque Mundial da Unesco, ten que mostrar a confianza "no desenvolvemento duns valores socioeconómicos marcados pola propia UNESCO, entre os que destacan a implementación e desenvolvemento dun turismo sostible, programas educativos no eido da xeoloxía e da protección medioambiental, e un programa de promoción económica baseado na sustentabilidade das súas accións".
A decisión de optar aos plans de sustentabilidade responde tamén, por outra parte, á necesidade de contar con liñas de financiamento que é preciso presentar co fin de afortalar a candidatura. "Esa é unha das principais razóns polas que apostamos para concorrer aos Pans de Sustentabilidade Turística do Estado ademais de confiar nas opcións dun territorio que confía a través da totalidade dos concellos nas posibilidades como destino acaído para este recoñecemento", sinala o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
Turismo, desenvolvemento económico, educación e sustentabilidade son os eixes de actuación dunha iniciativa cos que o proxecto de Xeoparque opta aos Plans de Sustentabilidade Turísticas creados a raíz da actual crise provocada pola Covid-19 "Estamos ante un novo momento de promoción turística en que é preciso apoiar un sector especialmente afectado pola crise da pandemia que se atopa ante unha nova etapa en que destinos como Ortegal con recursos naturais e non masificado", sinala Xosé Regueira.
O proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal presentarase nesta convocatoria á modalidade de destinos rurais, dirixida a comarcas ou territorios con nexo de unión polo recurso ou o produto turístico que comparten, como é o caso desta iniciativa. O traballo de elaboración o Plan arrancou no mes de marzo, e xa se están a celebrar reunións para a definición do proxecto que avanza para a súa presentación no mes de maio.
O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal comprende unha superficie de case 630 km2 integrada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. O proxecto nace coa finalidade de declarar este territorio, no que a xeoloxía que o conforma é singular e pouco frecuente, como xeoparque mundial da Unesco. O complexo de Cabo Ortegal, como se coñece na comunidade científica, é todo un referente na xeoloxía europea a posiblemente tamén na mundial.
Para conseguir a consideración de xeoparque ten que ser un territorio con salientable patrimonio xeolóxico, chave dunha estratexia de desenvolvemento territorial sostible, apoiado nun programa europeo de promoción ao desenvolvemento.
Desde o ano 2017, a Deputación da Coruña, a través a área de Turismo, colabora co territorio de Ortegal no que se viña traballando desde tempo antes en actividades de posta en valor da riqueza xeolóxica. En 2018, Deputación e concellos asinaron un convenio para o apoio da candidatura así como para accións de desenvolvemento económico, turístico e social.
Conseguir o plan non só suporía unha inxección económica para o desenvolvemento turístico do territorio senón que tamén é mostra da vontade de aproveitamento dos recursos de cara a mellora do traballo en marcha ademais de poñer en valor diante da Unesco a concienciación dos concellos que conforman o proxectos para un desenvolvemento turístico sustentable.