A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece un catálogo de case dous mil espectáculos
Aumenta o número de actividades na oferta do sector profesional do circuíto
Os concellos teñen até o día 20 de abril para realizar a solicitude de programación
A nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola cultura profesional ao vivo despois dun ano en que a pandemia provocou unha importante crise no sector. En total, serán 1936 actividades as que compoñen o novo catálogo das que máis de mil setecentas proveñen do ámbito empresarial. Os concellos da provincia poderán facer as súas solicitudes de programación até o 20 de abril.
"A Rede Cultural consolídase como o circuíto máis sólido de cultura ao vivo no territorio e, nesta nova edición, ten que ser unha ferramenta de especial interese para contribuír á saída da crise dun sector que é dos que máis padeceu a pandemia", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto, cando se fai público o catálogo de actividades que os distintos concellos da provincia poderán solicitar até o 20 de abril.
Nesta nova edición, de feito, aumenta o número de actividades na oferta do sector profesional da Rede Cultural que ofrece un total de 1398 espectáculos pertencentes á modalidade de "Escena ao Vivo" dos que 552 correspóndense a teatro e monicreques, 618 a música, 67 a maxia e 53 a danza. Tamén son máis os proxectos que se incorporan ao catálogo da modalidade "Visións" que manexa nesta nova edición un total de 198 películas. Finalmente, a modalidade de propostas culturais para a promoción da lingua inclúe este ano un total de 57 espectáculos.
Espello do panorama cultural
Desta maneira, a pluralidade e diversidade do catálogo da Rede Cultural convértense no espello do panorama cultural actual, desde propostas tradicionais ás máis innovadoras. Neste sentido, a oferta musical inclúe propostas como concertos de De Vacas, Verto, Oh! Ayatollah, A Banda da Loba, MJ Pérez, Mónica de Nut, Susana Seivane, Heredeiros da Crus, SES, Luar na Lubre, Dakidarria, Ataque Escampe, Mercedes Peón, Guadi Galego, Abraham Cupeiro, Familia Caamagno, MIlladoiro, Terbutalina, Tanxugueiras, Nani García Trío ou A Quenlla.
As principais propostas da escena galega forman parte tamén do catálogo desta edición da Rede Cultural con espectáculos de obras teatrais e monólogos de Celso Sanmartín, Quico Cadaval, Avelino González, Isabel Risco, Sergio Pazos, Talía Teatro, Chévere, Carlos Blanco, Paula Carballeira, Sarabela Teatro, Aldaolado ou Inversa Teatro ou de maxia co Mago Teto, Fani Triana ou Martín Camiña e de danza como Nova Galega de Danza, Entremáns, Exire ou Javier Martín.
Ampla é tamén a oferta para as crianzas, unha aposta por achegar a nenos e nenas aos espectáculos ao vivo contribuíndo á creación de novos públicos cunha oferta na que se inclúe Viravolta Títeres, O Sonoro Maxín, Pesdelán, Caramuxo Teatro, Pirilampo, Tropa de Trapo, Peter Punk Pallaso, Pakolas, Magín Blanco, Mamá Cabra ou Fantoches Baj.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, agarda agora, "o compromiso dos concellos coa cultura ao vivo apostando por unha programación de calidade e segura, cos requisitos que marcan os protocolos de cada momento que, non temos dúbida, serán cada vez máis flexíbeis conforme o ano vaia avanzando". Para Xurxo Couto, "a Rede Cultural vai ser moi importante nesta recuperación do sector, da súa empregabilidade e do futuro de compañías e artistas que levan meses cunha ampla redución das contratacións co cal é moi necesario apostar pola cultura ao vivo para que se manteñan as estruturas, as pequenas empresas e os postos de traballo".
Pódese consultar o catálogo na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/cultura/rede-cultural