Igualdade da Deputación da Coruña confía nas "tecnofeministas" para animar á mocidade a eliminar o machismo
A área que dirixe a deputada do BNG María Muíño está a difundir os materiais nos centros educativos de secundaria
Convoca para a mocidade de 12 a 18 anos o concurso de viñetas "Moito por cambiar"
A área de Igualdade da Deputación da Coruña difunde o vídeo e a guía didáctica "Tecnofeministas: cinco voces para construír igualdade dende as redes", uns materiais que quere animar á mocidade a se converter no motor do cambio social contra o machismo. Ademais, convoca para mozas e mozos de 12 a 18 anos o concurso de viñetas "Moito por cambiar".
Coa idea de se converter nun recurso didáctico de difusión nos centros educativos, a área de Igualdade da Deputación da Coruña está a difundir o vídeo e a guía didáctica "Tecnofeministas: Cinco voces para construír igualdade dende as redes".
A iniciativa quere apostar pola mocidade coma protagonista do cambio, facilitámoslles referentes e ferramentas para a creación de discursos alternativos a favor da igualdade de xénero.
"Para nós é fundamental dirixirnos e traballar con ese tramo de idade tan interesante que é fundamental para construír o futuro e que, cada vez máis están baixo a exposición continua das novas tecnoloxías. Consideramos que estes materiais son moi acaídos para avanzar na igualdade e abrir os ollos ás discriminacións e poñerlle barreiras", sinala a deputada María Muíño.
Con este obxectivo, o programa contou coa colaboración de Vanesa Castro, de Für Alle Fälle; Lourdes Pérez Indaverea, deseñadora de videoxogos; Sonia Méndez, directora do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay; Laura Tabarés, investigadora, artista e memeira; e Ana Moreiras, profesora de tecnoloxía e autora de "Madia Leva".
O vídeo vai acompañado dunha guía didáctica para o profesorado, co fin de servir de apoio no visionado e a dinamización da actividade posterior, e un taboleiro online para que poidan ampliar o contido e mesmo partillar as súas creación.
Moito por cambiar
Xunto con estes materiais, a área de Igualdade da Deputación da Coruña convoca o XII concurso de viñetas que, nesta edición, responde ao lema "Moito por cambiar".
O obxectivo da iniciativa é que a mocidade reflexione sobre os efectos e impactos da COVID-19 no conxunto da sociedade e como inflúen de forma desigual na vida das mulleres.
O concurso conta con dúas categorías, unha para mozas e mozos de 12 a 14 anos e outra para 15 a 18, con tres premios en cada unha delas que consisten en tabletas e coleccións de cómics. O prazo de presentación remata o 26 de abril.
O vídeo pódese consultar en: https://www.dacoruna.gal/servizos-sociais/area-igualdade/proxectos/conmemoracion-8-marzo/tecnofeministas-cinco-voces-para-construir-igualdade-dende-as-redes