Igualdade da Deputación da Coruña e Concello de Ames inauguran a mostra "Nós somos Elas" na praza da Maía de Bertamiráns
A mostra "Nós somos Elas", promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda foi inaugurada na praza da Maía, de Bertamiráns, pola deputada María Muíño, o o alcalde e tenente alcalde, Blas García e David Santomil, e as concelleiras de Cultura, Natividade González, de Benestar social e Igualdade, Luísa Feijóo, e de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. A mostra recolle imaxes do Arquivo Vidal con textos de 24 poetas.
Unha ampla representación do goberno de Ames acompañou á deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, na inauguración da exposición "Nós somos elas" na praza da Maía de Bertamiráns. Canda ela, participaron no acto o alcalde, Blas García, o tenente alcalde e concelleiro de Educación, David Santomil, e as concelleiras Natividade González -Cultura-, Luísa Feijóo -Benestar Social e Igualdade- e Escarlata Pampín -Mocidade e Normalización Lingüística-.
A deputada de Igualdade, María Muíño, agradeceu ao Concello de Ames por acoller a exposición nunha céntrica praza que "fai que se achegue moita xente ao relato da historia das mulleres deste pais conxugando dúas artes, a da fotografía a través das testemuñas do arquivo Vidal que mostran a vida destas mulleres que quedou moito tempo invisibilizada, xunto coa linguaxe potente da poesía". Muíño destacou a necesidade de "recoñecer e visibilizar o papel das mulleres na historia e esta exposición contribúe para gañar espazos para ese relato silenciado".
Pola súa parte, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, agradeceu á Deputación e á AC Alexandre Bóveda a itinerancia dunha mostra "tan interesante para a historia das mulleres galegas que nos fai reflexionar sobre o papel que as mulleres tiveron ao longo da historia".
Finalmente, a concelleira de Cultura, Natividade González, manifestou o "orgullo de traer ás prazas de Ames este tipo de exposicións que achegan á veciñanza a arte e a cultura nun momento en que se agradecen estas iniciativas ao aire libre cun horario só marcado polo toque de queda, a tempo completo". A concelleira convidou á veciñanza a achegarse á exposición e agradeceu iniciativas como esta que achegan a cultura á xente en espazos abertos.
A mostra "Nós somos Elas", da área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda, quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, concretamente de José Mª Vidal, da colección permanente do Museo de Mar de Laxe.
"
Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas", sinalou na apertura a deputada, María Muíño que inseriu a mostra na vontade da Deputación da Coruña de destacar a "achega feminina á construción da nosa historia".
Destacou a deputada de Igualdade a vontade de mostrar a imaxe e as voces das mulleres en espazos públicos especialmente transitados nunha mostra itinerante que se inaugurou na Coruña e chega agora Bertamiráns, Ames, despois de pasar por Malpica nunha itinerancia na que visitará tamén os concellos de Zas, Laxe e San Sadurniño.
Fotos de Vidal e voces de poetas
O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.
Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo.
O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en "Nós somos elas".
Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.