A Deputación da Coruña aposta pola contratación de persoal técnico para artellar unha rede de concellos pola igualdade
Representantes dos dezanove concellos da provincia da Coruña que participaron na nova convocatoria de axudas da área de Igualdade da Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico reuníronse no Pazo de Mariñán para a posta en común de liñas de traballo conxuntas no deseño da rede de municipios pola igualdade. A deputada, María Muíño, destacou o papel do persoal técnico para desenvolver e facer máis eficaces as áreas municipais.
Os concellos provincia da Coruña de menos de 20.000 habitantes que conten con persoal técnico municipal na área de igualdade pasarán de ser dous a dezanove, grazas a nova liña da área de Igualdade da Deputación da Coruña que incorpora un orzamento de 250.000 € para apoiar os municipios na súa dotación de medios humanos."Para nós é fundamental que os servizos teñan persoal técnico especializado para traballar pola igualdade e a eliminación da violencia machista e, entre todos e todas, construír unha rede de municipios que colaboren nun obxectivo que ten que comprometer ás institucións e á sociedade enteira", sinalou a deputada de Igualdade, María Muíño.
Os concellos de Laracha, Rianxo, Brión, Tordoia, Fene, As Pontes, Moeche, Boimorto, Trazo, Malpica de Bergantiños, Camariñas, Dodro, Rois, Cabanas, San Sadurniño, Betanzos e Coirós son os concellos que participaron na nova liña de axuda da área de Igualdade da Deputación da Coruña.
No transcurso dunha xuntanza que se desenvolveu no Pazo de Mariñán, representantes dos concellos que se presentaron á convocatoria puxeron en común as distintas liñas de traballo a desenvolver e a participación en proxectos conxuntos de actividades e iniciativas como as que se desenvolveron para conmemorar o 8 de marzo ou as que se preparan xa para o 25 de novembro, ademais doutras propostas de intervención e divulgación que se elaboran de forma cooperativa.
Destacaron as dificultades para traballar en igualdade debido á falta de medios humanos, fundamentais nesta área, polo que valoraron a nova iniciativa da Deputación da Coruña de promover a contratación de persoal especializado co fin de traballar na sensibilización, intervención e prevención da discriminación e a violencia machista ademais de facer fincapé na necesidade de traballar en rede e de maneira colaborativa entre as distintas institucións e entidades.
"As administracións locais, as máis próximas ás persoas, teñen un papel fundamental á hora de contribuír á eliminación da violencia machista e promover a igualdade e, por iso, é fundamental que exista ese recoñecemento e conten cos medios para facer máis eficaz o seu traballo", apuntou a deputada de Igualdade, María Muíño.
A iniciativa responde ao recollido no I Plan de acción das políticas de igualdade de xénero na provincia da Coruña no que se contemplaba a necesidade de reforzar os servizos coa contratación de persoal especializado.