A área de Contratación na Deputación comeza a aplicar os novos pregos para unha "maior xustiza económica e social"
A Deputación da Coruña celebrou a primeira mesa de contratación na que se aplican os novos pregos de contratación aprobados o pasado mes de setembro que supoñen grandes cambios no proceso, como se comprobou nas aperturas da primeira licitación. concretamente, o proxecto de actualización da estrada de Aneiros á Cabana no concello de Ferrol inaugurou a aplicación dos novos pregos que a partir de agora se aplicarán en todas as mesas de contratación da Deputación da Coruña.
Con esta apertura, segundo o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, chega o momento de poñer en práctica a reforma, tanto nos pregos e as cláusulas correspondentes, como na aplicación das novas fórmulas que, segundo apuntou, "buscan un achegamento máis xusto e proporcional tanto co número de ofertas presentadas como nas medias das licitacións".
Con estas modificacións, a Deputación da Coruña "deixar atrás criterios puramente economicistas e poñer os recursos públicos a favor dunha maior xustiza económica e social nas adxudicacións era un dos puntos claves dos pregos aprobados". Nunha situación como a que estamos a vivir, coa crise provocada pola pandemia, segundo Xosé Luís Penas, a contratación pública ten que favorecer "o tecido económico produtivo da provincia e en definitiva a traballadores e traballadoras e empresas", sinalou Penas.
Nesta primeira licitación produciuse un aumento das baixas temerarias, como consecuencia de que o novo cálculo implica ao mesmo tempo unha posible nova redistribución das ofertas máis próximas á media aritmética o que implica tamén que a adxudicación sexa tamén máis próxima á mesma media que o era coa fórmula anterior.
Máis axilidade e aumento da execución
"Son uns novos pregos e unha nova fórmula que aínda ten moito percorrido e por suposto aberto a todas as mellores posibles, mentres tanto administración como sectores iremos traballando nunha maior axilización en todos os procesos de contratación para que as cifras de execución aumenten de xeito considerable", explicou Xosé Luís Penas para quen o obxectivo é conseguir que os proxectos se executen cunha maior precisión e axilidade. Gabinete de prensa Deputación da Coruña