CELEBRARASE DO 19 AO 22 DE SETEMBRO EN SANTIAGO DE COMPOSTELA, ORGANIZADO POLA DEPUTACIÓN
Xurxo Couto: "O Congreso sobre o Reino de Galiza será unha oportunidade única para coñecer a nosa historia medieval desde o rigor científico e académico"
"O congreso", explica Couto, "está enmarcado na liña de traballo da área de Cultura da Deputación que ten por obxecto socializar e divulgar a historia medieval galega, e que inclúe o Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza convocado a comezos deste ano".
A área de Cultura da Deputación da Coruña abriu hoxe as inscricións para o Congreso Internacional «Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia», que se celebrará do 19 ao 22 de setembro en Santiago de Compostela cunha programación intensiva e gratuita. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical, na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, fai fincapé na importancia deste congreso “por estar enfocado para todo tipo de público interesado na nosa historia medieval, e porque será unha oportunidade única para coñecela desde o rigor científico e académico, desde múltiples perspectivas de estudo, e contextualizada en convivencia con outras culturas”. "O congreso", lembra Couto", "está enmarcado na liña de traballo do noso departamento que ten por obxecto socializar e divulgar a historia medieval galega, e que inclúe o Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza convocado a comezos deste ano".
A programación é pública desde hoxe na páxina oficial do evento, www.reinomedievaldegalicia.gal, onde tamén se facilita o proceso de inscrición de balde nos diferentes bloques temáticos dos relatorios, que estará aberto ata o 10 de setembro.