A DEPUTACIÓN INCLUIRÁ AS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS NAS AXUDAS Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO

Xosé Regueira e Xosé Lois Penas reúnense con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial para coñecer as necesidades do sector

Regueira e Penas, cos representantes de Culturar, hoxe en Muros
Regueira e Penas, cos representantes de Culturar, hoxe en Muros
“Ao incluír os barcos tradicionais no novo programa de subvencións”, explicou o vicepresidente provincial, “estamos dando resposta a unha demanda histórica por parte das entidades que xestionan este tipo de patrimonio e que carecen de actividades económicas propias que lles permitan asumir os custos que supón a conservación das embarcacións, un recurso dun valor cultural incalculable”.
Xosé Regueira e Xosé Lois Penas reúnense con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial para coñecer as necesidades do sector

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, mantiveron esta mañá unha xuntanza con Pepe Sacau e Manolo Sendón, representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar. O encontro, que se celebrou no porto de Muros, tivo por obxectivo coñecer de primeira man as necesidades das entidades titulares de embarcacións tradicionais e históricas, co obxecto de incluílas na liña de axudas para a conservación e mantemento do patrimonio público na que está traballando a Deputación da Coruña.

Segundo lles explicou Regueira aos representantes de Culturmar, o departamento provincial de Turismo e Patrimonio Histórico está ultimando un programa de subvencións, que convocará neste exercicio por primeira vez, co obxecto de atender unha das principais preocupacións das entidades titulares  de elementos patrimoniais, a da súa conservación e mantemento periódico. “Ao incluír as embarcacións tradicionais nestas novas axudas”, dixo o vicepresidente, “estamos dando resposta a unha demanda histórica por parte das entidades que xestionan este tipo de patrimonio e que carecen de actividades económicas propias que lles permitan asumir os custes que supón a conservación dos barcos, un recurso patrimonial dun valor cultural incalculable”.

Na reunión, Pepe Sacau expuxo as principais dificultades ás que adoitan enfrontarse as asociacións federadas en Culturmar, que se centran en asumir as reparacións puntuais das embarcacións, así como as tarefas de mantemento periódicas que precisan para evitar a súa deterioración. Durante a entrevista de traballo perfiláronse cuestións de carácter técnico, como as características dos barcos que deben incluírse na convocatoria e o seu uso social e cultural.

Na provincia da Coruña existen preto de 70 embarcacións históricas que son titularidade das entidades da federación Culturmar. As principais asociacións que xestionan este tipo de patrimonio están en Rianxo, Boiro, Cabo de Cruz, Ribeira, Noia, O Freixo (Outes), Muros, Carnota, Sada e Ferrol. Tratáse de barcos de diversa tipoloxía e tamaño, que teñen en común características básicas como estar construídas en madeira e cuxos sistemas principais de propulsión son o remo e a vela. Todas están destinadas a usos culturais e sociais, como os cursos de vela, as concentracións de embarcacións tradicionais e outras iniciativas de difusión da tradición marítima galega e da carpintería de ribeira.

Xosé Regueira e Xosé Lois Penas reúnense con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial para coñecer as necesidades do sector