Xosé Regueira sobre o Xeoparque de Cabo Ortegal: “É unha aposta política que se transformou nun proxecto de país”
Baixo o epígrafe ‘Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra’, a Deputación promoveu hoxe en Fitur a candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque Mundial da Unesco. O vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, puxo en valor o compromiso e o apoio de diferentes administracións a unha iniciativa que comezou a impulsar desde o seu departamento no ano 2016.
“Esta é unha aposta política que se transformou nun proxecto de país”, asegurou esta mañá en Fitur o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, durante a presentación da candidatura oficial de Cabo Ortegal a Xeoparque Mundial. Regueira explicou que o feito de que neste momento o proxecto estea á espera de conseguir a certificación da UNESCO se conseguiu grazas a un impulso que partiu da área de Turismo da Deputación, no que leva traballando o seu departamento desde o ano 2016, e que acadou o compromiso e o apoio dos sete concellos que forman parte do proxecto —Ortigueira, Cariño, Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cedeira e Valdoviño— e da administración autonómica, todos representados hoxe na feira madrileña.
Na súa intervención, Regueira fixo fincapé en que Cabo Ortegal “é un territorio único no mundo, porque hai enclaves que ou vas a Ortegal ou non os vas atopar noutro lugar”, e puxo como exemplos a única praia de area negra de orixe non volcánica —a de Teixidelo—, ou o santuario de Santo André de Teixido, o máis antigo de Galiza. “Nun país de rutas xacobeas no que hai que ir a Compostela a gañar xubileus para gañar o ceo, non podemos esquecer que é obrigatorio pasar por Santo André de Teixido para gañar a gloria, e, como di a tradición, mellor ir de vivo e aproveitar para gañar un xubileu xeolóxico e para coñecer as paisaxes, a cultura e as súas xentes”.
O acto estivo conducido pola actriz e presentadora Paula Vázquez, quen aproveitou para reivindicarse como embaixadora da comarca, nomeadamente de Pantín. Vázquez definiu Ortegal “como o paraíso no que nacen as nubes”, referíndose a Vixía Herbeira, o punto máis alto da Europa continental. O alcalde de Cariño e presidente da Asociación Xeoparque de Cabo Ortegal, José Miguel Alonso, explicou, en nome de todos os alcaldes e da alcaldesa, que “a propia candidatura xa nos está dando unha proxección a nivel internacional moi potente. Este proxecto e mais os fondos europeos Next Generation que se destinarán a esta comarca, teñen por obxectivo fundamental que a xente poida desenvolver o seu proxecto vital en Ortegal”.
Como representante das empresas locais interviu María Mesías, técnica da consultora Goodlife, quen participou na redacción técnica tanto dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino como no proxecto do Xeoparque. “O que queremos é que a nosa propia experiencia se estenda ao resto de empresas locais, porque o que se busca nestes proxectos é a sustentabilidade e xerar oportunidades de empregabilidade, así como traballar propostas turísiticas en segmentos específicos, como o científico, o cultural, o educativo, o de natureza ou o deportivo”.
Cabo Ortegal en primeira persoa
Un lugar para vivir, para ser visitado e mesmo para investir, son as definicións deste territorio que máis abundan nas catro pezas audiovisuais que acompañaron as intervencións en directo en Fitur. Os vídeos, protagonizados por diferentes representantes do mundo empresarial, deportivo e cultural dos sete concellos, ofreceron unha visión do territorio na voz das persoas que viven e traballan nel.
Paisaxe e recursos naturais son os principais atractivos que máis se repiten, así como o desexo de futuro de que a comarca de Ortegal teña un desenvolvmento económico ligado a eses valores naturais. Neste contexto —que se respecte o medio, que se preserve a riqueza natural e que non se convirta nun destino masificado—, son ideas presentes de diferente xeito nos catro vídeos.
As pezas están protagonizadas por Manuel Vierna, do centro equestre Granxa do Souto de Ortigueira; por Boris Rodríguez, xogador do equipo de voleibol Aldebarán de San Sadurniño; por Miguel Mato, da plantación de arándanos Horticina; por Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa desde Moeche; por Isabel Loureiro, gandeira de Cedeira; por Ana Docanto, da conserveira La Puerza de Cariño; e por Pablo Jaime Díaz, coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza de Valdoviño. Todas as persoas participantes aparecen acompañadas polos alcaldes e a alcaldesa dos sete concellos e polo vicepresidente da Deputación.
Os vídeos proxectados difundidranse a través das contas de redes sociais da área de Turismo da Deputación da Coruña e tamén das do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal.