Xosé Regueira, en Xantar: "A colaboración entre administracións é imprescindible para construír destinos turísticos competitivos e un futuro próspero para o sector"

Xosé Regueira, en Xantar
Xosé Regueira, durante un dos 'showcoockings' que a Deputación levou a Xantar 2021

O vicepresidente defendeu na feira ourensá os programas postos en marcha polo BNG desde a área de Turismo da Deputación da Coruña para promover a provincia non só como territorio gastronómico relevante, senón como referente nacional dun turismo de proximidade que contribúa á desestacionalización. Nese sentido, citou as campañas '52 fins de semana na provincia da Coruña' e '956 quilómetros de costa e un camiño infinito'.

Xosé Regueira, en Xantar: "A colaboración entre administracións é imprescindible para construír destinos turísticos competitivos e un futuro próspero para o sector"

Xosé Regueira, avogou en Xantar pola colaboración entre as distintas administracións para "construír destinos competitivos e un futuro próspero para o sector tanto na provincia como en todo o país". Durante os catro días que durou o salón internacional ourensán, do mércores ao sábado pasados, Regueira insistiu nas directrices que o grupo do BNG na Deputación e o departamento de Turismo que dirixe deben seguir para a mellora do turismo e da gastrononomía no noso territorio: sinerxias, desestacionalización, calidade, proximidade e sustentabilidade.

Neste sentido, Regueira lembrou: "Estamos a traballar activamente para promocionar os principais puntos de interese dos seis xeodestinos con campañas como '956 quilómetros de costa e un camiño infinito' e '52 fins de semana na provincia da Coruña', activa desde hai dous anos". "Nós", engadiu, sempre viñemos a Xantar a convidar ao público a que probe a nosa gastronomía para que despois se achegue a coñecernos; a lembrarlle que esas 52 semanas significan 52 oportunidades para visitar a nosa provincia porque, ademais dos 956 quilómetros, somos epicentro de todos os Camiños de Santiago, que mesmo continúa ate esa Fisterra mítica".

"Xantar e o público que aquí se achega", sinalou "son moi importantes para atraer o turismo de proximidade ao territorio da nosa provincia, porque este é un escaparate idóneo para que a xente do país coñeza a nosa oferta gastronómica e se achegue a desfrutrala ao longo de todo o ano e contribuíndo ademais á desestacionalización. O programa de 'showcookings' e degustacións que trouxemos á feira funciona como unha demostración do bo facer e da profesionalidade de cociñeiros e cociñeiras da provincia, que están realizando un traballo magnífico, coidando a súa oferta e apostando pola cociña sustentable e de proximidade, km0, mariñeira e con matices dabondo que para o público de interior pode ser un aliciente para que nos visiten en 2022".

Regueira referiuse tamén ao futuro do sector trala COVID: "Se algo sacamos desta pandemia a nivel turístico foi que nos deu a oportunidade de coñecernos e recoñecernos e de comprobar que a nosa provincia e toda Galiza é un destino dunha calidade extraordinaria. E así debemos seguir, reencontrándonos coa nosa gastronomía, coa nosa cultura, coa nosa paisaxe e co noso patrimonio".

O programa da área de Turismo da Deputación en Xantar 2021 incluíu cinco demostracións culinarias de cociñeiros e cociñeiras dos xeodestinos da provincia, degustacións de produtos dos concellos de Carballo e Vimianzo e a presentación presentación do receitario "A mesa do noroeste", editado pola Deputación en colaboración co grupo Coruña Cociña. 

Xosé Regueira, en Xantar: "A colaboración entre administracións é imprescindible para construír destinos turísticos competitivos e un futuro próspero para o sector"