“DEBEMOS TER A INTELIXENCIA PARA ATRAER O TURISMO CONSCIENTE E QUE VALORA A AUTENTICIDADE”
Xosé Regueira explicou en Valdoviño os obxectivos técnicos do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal
O vicepresidente da Deputación da Coruña participou na presentación do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal ante os sete concellos que conforman a comisión intermunicipal do proxecto e as entidades sociais e do sector turístico da comarca. O proxecto, presentado aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, conta inicialmente cun importe global de 3,8 millóns de euros e contempla 40 accións que se estruturan en 4 eixos programáticos de traballo: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo, Xosé Regueira, participou esta mañá en Valdoviño na presentación do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal ante representantes dos sete concellos que conforman a comisión intermunicipal do proxecto, así como representantes de entidades sociais e do sector turístico da comarca. Regueira foi o encargado de explicar os obxectivos técnicos do proxecto nun acto que estivo dirixido polo presidente da comisión intermunicipal e alcalde de Valdoviño, Alberto González, e no que tamén participou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O proxecto, presentado aos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, conta inicialmente cun importe global de 3,8 millóns de euros e contempla 40 accións que se estruturan en 4 eixos programáticos de traballo: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Estas 40 accións están conectadas a través dunha estratexia global de desenvolvemento turístico e territorial, enmarcada na candidatura a Xeoparque Mundial da UNESCO, cuxo obxectivo é o de impulsar unha estratexia de desenvolvemento sostible que dinamice, desestacionalice e desconcentre a oferta e demanda turística do destino.
Logo de coñecerse que este proxecto é un dos propostos pola Xunta e polo Goberno central para os fondos dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, Regueira asegurou: “Agora temos que ter a intelixencia suficiente para ser capaces de captar o turista da nova era, o do novo paradigma, que é un turista consciente, que busca a autenticidade dos territorios que visita, e que busca un patrimonio natural e cultural diferenciado e ben coidado”. Neste sentido, indicou: “Estamos completamente convencidos de que se están facendo as cousas ben a nivel turístico en Galiza desde o punto de vista cuantitativo porque cada vez atraemos máis xente, pero agora temos que aproveitar para poñer en valor o noso valor competitivo e apostar por proxectos coma este”.
Regueira centrou a súa intervención no camiño percorrido ata o de agora para botar a andar o proxecto de Xeoparque de Ortegal salientando en primeiro lugar a colaboración entre os sete concellos implicados –Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Cariño, Cedeira, Ortigueira e Cerdido–, e a súa implicación desde hai anos. Lembrou tamén o acordo subscrito recentemente entre a Deputación e estes sete concellos por un importe de preto de 240.000 euros para levar a cabo as actuacións imprescindibles para a preparación e a defensa da candidatura do Xeoparque perante a UNESCO e acadar “a certificación para entrar na elite dos xeoparques”.