Xosé Regueira: «Temos que aproveitar o potencial da intelixencia artificial para vender turismo»
«Entender o cambio, aprender as linguaxes e a comunicarnos coas novas contornas tecnolóxicas, integrar as novas tecnoloxías e investir en I+D+i para facerlle fronte a toda esta revolución: eses son os retos do modelo turístico que o BNG asume desde a Deputación da Coruña». Así o afirmou Xosé Regueira esta mañá na mesa redonda que abriu o curso de verán sobre xestión turística intelixente que a Universidade da Coruña (UDC) organiza hoxe e mañá na Casa da Cultura e Edificio Bitácora do Ézaro, en colaboración coa Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) e o Concello de Dumbría e co apoio económico da institución provincial. Un dos obxectivos inmediatos está claro para o vicepresidente: «Temos que saber vender turismo a través da intelixencia artificial».
Regueira comezou a súa intervención —nunha conversa na que estivo acompañado polo presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal e pola secretaria técnica da CMAT, Catherine García Pernas— remontándose á súa chegada á xestión pública, en 2004, «cando o turismo non existía como sector económico, nin había profesionais nin persoal técnico nin consultorías». «Nestas dúas décadas», engadiu «algunhas cousas cambiaron moito: somos un destino recoñecido na potencia mundial, demandado e destacado; contamos cun sector formado, competitivo e que aposta pola calidade; e, ademais, o turismo da provincia da Coruña cada ano ten un maior peso económico, rondando actualmente o 14 por cento».
«As que non cambiaron tanto», matizou o vicepresidente, «son as razóns polas que atraemos turistas: paisaxe, gastronomía, clima, cultura, tradición... Como tampouco cambiaron moito os retos aos que se enfronta o sector: desestacionalización, necesidade de atraer un turismo de calidade, mellora na xestión dos fluxos, incremento da rendibilidade, diversificación na oferta ou mellora na mobilidade e a sinalización».
Retos que o vicepresidente traduciu en oportunidades, referíndose ao que implicou a tecnoloxía «para as centrais de reservas, liñas de baixo custe, plataformas de información, a economía turística colaborativa... ferramentas que cambiaron para sempre a forma na que eliximos, compramos e desfrutamos do turismo». «Do mesmo xeito», rematou, «debemos ter en conta as vantaxes da intelixencia artificial xerativa nun momento de volatilidade, incerteza, complexidade e ambigüidade como o actual, pois ofrece velocidade na difusión da tecnoloxía ao ser altamente intuitiva».