Xosé Regueira, sobre a selección da candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque da UNESCO: “Estamos ás portas de entrar na elite mundial”
O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación asegurou que o apoio da candidatura por parte do Comité Español “sitúanos nun momento histórico” e celebrou que o traballo realizado entre a institución provincial e concellos estea dando os froitos esperados. A Deputación e a Asocación para a xestión do Xeoparque teñen formalizado un convenio de 240.000 euros para levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura do Xeoparte perante a UNESCO.
A Casa da Cultura de Valdoviño acolleu esta mañá a xuntanza de traballo entre os concellos promotores do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia para analizar os últimos avances na tramitación do proxecto e a inminente publicación das candidaturas estatais que optan ao distintivo Global Geopark da UNESCO. Na reunión estiveron presentes representantes dos concellos integrados na asociación promotora, o vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Belén María do Campo.
A comunicación do Comité Español de Cooperación coa UNESCO apoiando a candidatura a Xeoparque Mundial foi o tema central da xuntanza. Aínda que a previsión é que a designación oficial se faga dentro duns días, en canto o comité remita a correspondente carta de apoio ao Programa Internacional de Ciencias da Terra e Xeoparques das Nacións Unidas, as administracións participantes na xuntanza celebraron esta nova como moi positiva e esperanzadora de cara a acadar a certificación.
“Nunca tan cerca estivemos e esta nova sitúanos ás portas de entrar na elite mundial dos sitios xeolóxicos”, asegurou Xosé Regueira, quen ademais cualifiou de “histórico” o feito de que o proxecto de Cabo Ortegal sexa unha das dúas candidaturas propostas polo Estado español, xunto a Costa Quebrada de Cantabria. O vicepresidente provincial tamén lembrou todo o traballo realizado nos últimos anos ata chegar a esta candidatura e puxo en valor a colaboración entre o entre provincial, os concellos implicados e a Xunta. “Agora temos por diante moito traballo de cara ao seguinte paso, que é a visita do comité avaliador prevista para maio de 2022", asegurou.
O pasado mes de outubro a área de Turismo da Deputación formalizou un convenio de colaboración cos sete concellos que conforman a Asociación para a xestión do Xeoparque de Cabo Ortegal por un importe de preto de 240.000 euros para levar a cabo as actuacións imprescindibles para a defensa da candidatura. O obxectivo do convenio é propiciar que eses sete municipios -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- desenvolvan accións que vinculen a riqueza xeolóxica, paisaxística e ambiental co desenvolvemento económico da comarca.
Regueira tamén fixo mención ao “ronsel de boas noticias relacionadas con este proxecto”, logo decoñecerse a semana pasada que o proxecto de Cabo Ortegal é un dos propostos pola Xunta e polo Goberno central para os fondos da convocatoria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.