A DEPUTACIÓN IMPULSA UN NOVO PSTD QUE UNIRÁ AS TRES VILAS TERMAIS DA PROVINCIA, CARBALLO BRIÓN E ARTEIXO

Xosé Regueira: «O que pretendemos con 'A Coruña termal' é facer da auga un elemento que sirva como relato turístico para o territorio»

Regueira, na presentación do Plan no balneario de Carballo
Regueira, na presentación do Plan no balneario de Carballo
«Este novo Plan de Sostibilidade Turística en Destino que presentamos, cuxa solicitude de capital, con cargo aos fondos europeos Next Generation, supera os dous millóns de euros, aposta polo termalismo como eixo temático que dá forma a un conxunto de actuacións enfocadas á transición verde e sostible, a mellora da eficiencia enerxética, a dixitalización e a competitividade», afirmou o vicepresidente da Deputación.
Xosé Regueira: «O que pretendemos con 'A Coruña termal' é facer da auga un elemento que sirva como relato turístico para o territorio»

A Deputación da Coruña aspira a consolidar a provincia como un destino galego de referencia en materia de termalismo. Paro iso impulsa ‘A Coruña termal’, un Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) que unirá as tres vilas termais da provincia, Carballo Brión e Arteixo, nun proxecto que se presenta aos fondos europeos Next Generation cunha solicitude de capital que supera os dous millóns de euros.

Así o explicou o vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, na xuntanza que mantivo no balneario da capital bergantiñá con representantes do sector. «O que pretendemos», sinalou, «é facer da auga un elemento que sirva como relato turístico para o territorio».

«Trátase», engadiu, «de recuperar e crear infraestruturas sostibles e de deseñar novos produtos turísticos de base termal».  Na actualidade, Carballo é o único concello coruñés que ten balneario mineiro medicinal en funcionamento, mentres que Brión conta cunha estación balnearia e en Arteixo estase a desenvolver un ambicioso proxecto tamén termal nas antigas termas.

«O PSTD ‘A Coruña termal’», afirmou Regueira, «aposta polo termalismo como eixo temático que dá forma a un conxunto de actuacións enfocadas á transición verde e sostible, a mellora da eficiencia enerxética, a dixitalización e a competitividade».

A proposta da Deputación inclúe actuacións conxuntas e outras individuais, adaptadas a cada municipio. Entre as primeiras estarían a recuperación e difusión da tradición termal dos tres concellos, ou a creación de estacións btt vinculadas ás sendas ciclo-peonís existentes en Arteixo e Carballo. De xeito individual, en Carballo está previsto utilizar a realidade aumentada para recrear o antigo balneario romano, recuperar a historia da industria das augas carbonatadas, vincular o proxecto de arte urbana ao termalismo ou recuperar a historia e os restos dos desaparecidos Baños Novos.

A rehabilitación ambiental da contornas da fonte termal de Soigrexa e do Balneario do Tremo (Brión) e unha intervención con xeotermia no balneario de Arteixo son outras as actuacións que contempla o plan.

Xosé Regueira mostrouse confiado en conseguir o orzamento para desenvolver o proxecto. «A provincia da Coruña non pode quedar fóra dunha convocatoria de turismo termal: porque temos tradición e temos estacións balnearias. En convocatorias anteriores, a Deputación conseguiu fondos; de feito, agora mesmo hai seis millóns en distintos proxectos». «Non vai ser sinxelo», dixo, «pero tamén quero salientar que o importante, máis alá das axudas, é abrir camiño, ter o proxecto ben dimensionado, ben debuxado, e despois executalo a medida que as diferentes administracións vaian conseguindo recursos».

O vicepresidente falou tamén da importancia da colaboración entre as diferentes administracións para sacar adiante o plan. «En todos os proxectos que traballamos na Deputación intentamos sempre non dar absolutamente ningún paso sen o visto bo dos concellos, e iso faremos neste caso: ofrecer toda a información para que os concellos a estuden e fagan propostas».

«A boa sintonía», dixo para rematar, «esténdese tamén á consellería de Turismo  e iso é sempre un aval, e máis tendo en conta que a Xunta presenta o seu propio plan cun modelo de equilibro e cohesión territorial e por iso precisa sumar todas as provincias, ou cantas máis mellor; e se temos tres provincias con proxectos termais, o normal sería que A Coruña non quedase fóra».

Xosé Regueira: «O que pretendemos con 'A Coruña termal' é facer da auga un elemento que sirva como relato turístico para o territorio»