Xosé Regueira: “Os proxectos de Xeoparque de Ortegal e das Fragas do Eume son necesarios para mellorar a empregabilidade e o desenvolvemento destes territorios”

XUNTANZA COMARCA EUME
Intervención de Xosé Regueira nunha xuntanza do proxecto das Fragas do Eume

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo amosa a súa satisfacción tras coñecerse que veñen de ser aprobados os dous proxectos presentados polo ente provincial á convocatoria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino. A protección do medio natural e o seu uso como motor de desenvolvemento, o equilibrio sustentable a nivel económico, a eficiencia enerxética e a diversificación turística, entre as caracterísicas máis salientables dos dous proxectos.

Xosé Regueira: “Os proxectos de Xeoparque de Ortegal e das Fragas do Eume son necesarios para mellorar a empregabilidade e o desenvolvemento destes territorios”

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira amosa a súa satisfacción tras coñecerse que o reparto de fondos dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino recollen os dous proxectos presentados desde a sección de Turismo da Deputación da Coruña: o proxecto de Xeoparque de Ortegal e o proxecto das Fragas do Eume. A valoración do vicepresidente chega tras coñecerse, na tarde de onte, os proxectos aprobados na convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade que convoca o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, e que se financiará con fondos de recuperación europeos -os denominados Next Generation-

A este respecto, Xosé Regueira explica que os dous proxectos presentados pola Deputación "encaixan perfectamente cos obxectivos de proxectos de desenvolvemento económico fundamentado na transición verde, na eficiencia no plano enerxético, na busca do equilibrio sustentable a nivel económico, na transición dixital e no compromiso co medio ambiente". Neste sentido, salienta que "se trata de proxectos altamente comprometidos co territorio, coa conservación co medio natural e que tamén teñen o medio natural como motor de desenvolvemento".

O vicepresidente tamén aproveita para poñer en valor "esa colaboración intensa que temos Deputación da Coruña, Axencia de Turismo de Galicia e concellos, e que ao final traen consigo proxectos que son necesarios e que estamos convencidos de que van mellorar a empregabilidade e o desenvolvemento destes territorios". Por último asegurou que "agora imos agardar tamén con ilusión as achegas de recursos que nos corresponden para comezar a traballar o antes posible para que moi pronto se vexan os resultados no propio territorio".

O proxecto de Fragas do Eume implica aos cinco concellos da comarca: As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela. Os catro eixos incluídos na memoria técnica recollen intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio; incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico e económico que se quere implantar; diversificar a oferta no ámbito turístico así como no ámbito cultural e no das novas tecnoloxías; e garantir que o capital natural do sistema turístico vai tender á perennidade, é dicir, que non se vai distorsionar a sustentabilidade dun entorno tan sensible como é a propia Fraga nin os usos de carácter natural que debe ter este ecosistema.

O proxecto de Xeoparque de Ortegal implica aos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. As intervencións incluídas neste proxecto están orientadas a desenvolver iniciativas de desenvolvemento territorial sustentable que impliquen a protección e conservación do territorio, a promoción do desenvolvemento económico, social e ambiental nestes concellos, e o fomento do turismo, especialmente o vinculado á natureza e á atención aos valores xeolóxicos, así como ao turismo cultural, sempre dentro dun marco de sustentabilidade. Deste xeito, o proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal tamén se presenta como unha oportunidade para dinamizar o territorio rural, ofrecer alternativas que reteñan o talento, frear o despoboamento e ofrecer oportunidades de desenvolvemento especialmente para a poboación máis nova.

Xosé Regueira: “Os proxectos de Xeoparque de Ortegal e das Fragas do Eume son necesarios para mellorar a empregabilidade e o desenvolvemento destes territorios”