Xosé Regueira explicou en Pontevedra a liña de apoios de Turismo da Deputación aos festivais de arte urbana
“Co obxecto de dotar de identidade a espazos urbanos que perderan parte da súa identidade propia”, expuxo o vicepresidente provincial, “no noso departamento puxemos en marcha un programa de subvencións do que se benefician festivais de arte pública como os que se celebran nos concellos de Ordes, Cambre, Ferrol ou Carballo”.
O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, presentou esta mañá a liña de apoio do seu departamento aos festivais de arte urbana. No marco do Placemaking Week Europe, que se está a celebrar en Pontevedra, Regueira participou na mesa “Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia”, moderada polo xornalista Alejandro Espiño, na que tamén interviron o concelleiro de Ubanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda; a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, e a muralista da cooperativa Cestola na Cachola, Xoana Almar.
“Co obxecto de dotar de identidade a espazos urbanos que perderan parte da súa identidade propia”, expuxo Regueira, “no noso departamento puxemos en marcha un programa de subvencións do que se benefician festivais de arte pública como os que se celebran nos concellos de Ordes, Cambre, Ferrol ou Carballo”. Como exemplo, utilizou os modelos de Carballo e do barrio de Canido, en Ferrol, para explicar “como un lugar que era paradigma de feísmo, caso de Carballo, ou un barrio en decadencia, caso de Canido, conseguen a través da arte mural mellorar a calidade da vida da veciñanza, darlle máis vida e alegría ao espazo público e acabar creando un museo de arte pública ao aire libre”.
“A Deputación da Coruña”, engadiu, “tamén participa neste congreso financiando o mural que vén de rematar, no barrio de San Antoniño potevedrés, outro dos integrantes de Cestola na Cachola, Miguel Peralta".
A Placemaking Week Europe, que comezou o martes e rematará mañá, reúne en Pontevedra ao redor de 400 profesionais relacionados con distintos aspectos da planificación urbana, desde a arte, a saúde, a inclusión, a participación social e a política. Celebrouse en Amsterdam por vez primeira, en 2017, e tivo as seguintes citas en Estocolmo e Valencia. A edición deste ano é a primeira tras a pandemia e conta coa participación de diferentes institucións galegas e de expertos expertas de toda Europa, Asia e Estados Unidos.