A DEPUTACIÓN PROMOVE TAMÉN NA FEIRA PROXECTOS DE ECOTURISMO E TRANSFORMACIÓN AGROALIMENTARIA
Xosé Regueira defende no Salón B-Travel de Barcelona os recursos turísticos industriais da provincia
"Ademais de sermos un país no que o rural e o mar sempre foron fundamentais na nosa actividade económica”, explicou Regueira, “tamén temos unha importante actividade industrial e, de feito, formamos parte da Rede de Turismo Industrial do Estado, porque contamos cuns recursos neste ámbito que merecen poñerse en valor pois falan moi ben da nosa capacidade empresarial e da nosa tradición para transformar os produtos da terra e do mar nunha experiencia turística”.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou esta tarde nas xornadas profesionais do Salón B-Travel, que se celebra esta fin de semana no Recinto Feiral de Montjuïc de Barcelona. “Ademais de sermos un país no que o rural e o mar sempre foron fundamentais na nosa actividade económica”, explicou Regueira, “tamén temos unha importante actividade industrial e, de feito, formamos parte da Rede de Turismo Industrial do Estado, porque contamos cuns recursos neste ámbito que merecen poñerse en valor pois falan moi ben da nosa capacidade empresarial e da nosa tradición para transformar os produtos da terra e do mar nunha experiencia turística”.
O relatorio da Deputación da Coruña nas xornadas profesionais de B-Travel incluíu ademais unha intervención o director do Museo de Estrella Galicia–MEGA, Rodrigo Burgos, para expoñer un proxecto que o vicepresidente provincial cualificou como “un exemplo do arraigo dunha empresa familiar co territorio, da súa capacidade emprendedora e cunha responsabilidade social corporativa que se materializa na apertura do seu patrimonio industrial en forma de museo para achegalo a toda a sociedade”.
Rodrigo Burgos explicou que o Museo de Estrella Galicia–MEGA está concibido como “un percorrido de experiencias baseadas nos diferentes procesos de elaboración que utiliza Estrella Galicia para mimar as súas cervexas, e no patrimonio industrial conservado pola empresa familiar que ademais serve como contedor dun legado de máis de 115 anos”. Amosou a proposta a través das instalacións que compoñen o museo, onde se integran a sala de caldeiras e outros elementos representativos da historia da fábrica, como o filtro prensa e o muíño de cereal.
Unha ducia de experiencias turísticas
Ademais de participar nas xornadas profesionais, a área provincial de Turismo está a realizar unha promoción de diferentes experiencias turísticas de carácter industrial de toda a provincia da Coruña desde a caseta que ten instalada na feira. “Queremos poñer en valor e difundir os recursos relacionados coa tradición da industria conserveira, coa transformación do barro ou con proxectos de ecoturismo e transformación agroalimentaria da área da Reserva da Biosfera”, asegurou Regueira.
Co título “12 visitas imprescindibles na provincia da Coruña”, estase a ofrecer material promocional que recolle información sobre o Museo Estrella Galicia-MEGA, o proxecto de ecoturismo ‘A Castrexa’ (Cambre), a Casa Grande de Xanceda (Mesía), o Ecomuseo Forno do Forte (Malpica), o Lago Mineiro de As Pontes, o espazo museístico La Conservería de 1884 (Camariñas), a Ruta da Construción Naval en Ferrol, Mina Piquito (Moeche), o Muíño das Mareas ‘Pozo do Cachón’ (Muros), o proxecto ‘Os Biosbardos-Cultura de Leira’ (Cambre), a Ruta do lúpulo galego, e a empresa de cultivo e comercialización de té e plantas aromáticas ‘Orballo’ (Oleiros).