A DEPUTACIÓN PREVÉ ESTE ANO UN INVESTIMENTO NESE TERRITORIO DE MÁIS DE DOUS MILLÓNS E MEDIO DE EUROS
Xosé Regueira defende en Muxía a aposta do BNG polo desenvolvemento da Costa da Morte como un xeodestino sustantable, competitivo e capaz de xerar riqueza e emprego
O vicepresidente participou no I Encontro de Turismo Costa da Morte, organizado pola CMAT, e debullou as liñas de axudas para as actuacións dos concellos na promoción do turismo, o patrimonio, a cultura e outras actividades como o surf, para as que a institución provincial prevé este ano un investimento no territorio de 2.627.539 euros. O Parque do Megalitismo, o Proxecto Anllóns, a candidatura a Reserva Mundial de Surf e os plans para a mellora e mantemento de Dombate, as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo, os Batáns do Mosquetín e o Forno do Forte, entre outros, beneficiaranse do orzamento.
Regueira comezou a súa intervención no parador de Muxía defendendo a necesidade de “traballar en turismo desde puntos de vista que se centren na xeración de oportunidades laborais no territorio e no retorno económico á poboación local, sempre dende criterios de sustentabilidade firmes e de responsabilidade social”. Neste sentido, avogou por “buscar un modelo turístico que nos permita medrar sen perder a identidade e sen cometer os mesmos erros doutros destinos que, pretendendo medrar rapidamente, se converteron ou se están a converter en destinos frustrados”.
O vicepresidente lembrou que a Deputación da Coruña traballa “no camiño de vertebrar destino e de promover Galicia desde a provincia, sumando recursos ao desenvolvemento de programas de mellora da calidade e competitividade aos seis xeodestinos que temos no noso territorio”.
Á hora de presentar as cifras das achegas da Deputación este ano en relación co xeodestino Costa da Morte, Regueira referiuse, en primeiro lugar, ás axudas directas aos entes de xestión do territorio para o financiamento de programas de mellora da calidade, da competitividade e organización de actividades turísticas: 157.539 euros dos que a CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) recibirá 85.840 €; Solpor, promotora do Camiño Fisterra-Muxía, 32.449,58 €, e a Asociación Empresarios de Promoción Turística de Camariñas, 39.250 €. “Este investimento supón case o cen por cento do orzamento que estas entidades teñen para desenvolver os seus programas”, salientou.
Esa planificación turística e a colaboración público privada precisa, dixo, “de mellorar a profesionalidade das persoas que traballan no territorio; por iso complementamos as axudas aos entes de xestión con outra á contratación de persoal técnico municipal, destinando cerca de 800.000 euros cos que neste ano se deu emprego a 60 persoas, 15 delas na Costa da Morte, cunha achega de 203.000 €”.
Ademais destas liñas básicas de apoio á vertebración do turismo no territorio, a Deputación está a desenvolver proxectos cos que pretende diversificar a oferta e axudar a que a experiencia turística sexa máis satisfactoria e se poida prolongar a estancia media en destino desde os últimos meses da primavera aos primeiros do outono. Neste sentido, a institución provincial traballa na Costa da Morte en tres programas que teñen a ver co patrimonio histórico e paisaxístico:
-
Parque do Megalitismo, cunha achega de 500.000 €, destinados a comprar os monumentos megalíticos incluídos no parque, e sinalizar e a divulgar o recurso.
-
Proxecto Anllóns, cun investimento inicial doutros 500.000 € cos que a Deputación quere captar fondos para pór en valor a cunca do río desde o seu nacemento no concello da Laracha ata a súa desembocadura no esteiro, no concello de Ponteceso. “Buscamos”, afirmou Regueira, “estruturar un produto turístico de natureza ao tempo que melloramos a saúde ambiental do río e a eliminación de flora alóctona, achegando tamén os valores culturais e o patrimonio material e inmaterial do río á sociedade local”. Emparellado a este proxecto, a Deputación agarda pór en marcha un proxecto piloto de turismo fluvial cunha embarcación eléctrica no ámbito da foz do río, para o cal hai prevista unha consignación de 180.000 €.
-
A candidatura a Reserva Mundial de Surf, que, explicou o vicepresidente, “non pasa tanto por conseguir a certificación como por colocar o ámbito costeiro da Costa da Morte como un referente para a práctica deste deporte, buscando sobre todo a prolongación das estancias fóra da tempada de verán, nun proxecto turístico cun forte compoñente de conservación do medio”.
A todo isto hai que sumar o investimento que a Deputación fai nos recursos patrimoniais de propiedade provincial que son elementos centrais como patrimonio turístico no xeodestino Costa da Morte, caso de:
-
O Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín, no concello de Vimianzo (97.000 €).
-
O Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, concello de Malpica (70.000 €).
-
O Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, no concello de Cabana (60.000 €).
-
As Torres do Allo, no Concello de Zas (60.000 €).
Regueira fixo tamén referencia a outros eventos de interese turístico na Costa da Morte, como a Volta Ciclista, a Mostra de Olería de Buño ou a Mostra do Encaixe de Camariñas, para os que a institución provincial reservou un orzamento de 300.000 €.
“Todo isto”, rematou, “sumado a proxectos nos que colaboramos coa Axencia de Turismo de Galicia como o Bono Turístico, o proxecto BTT Galicia, Camiño Fisterra-Muxía ou o Eurovelo, entre outros que van xurdindo ao longo do ano, caso da sinalización e audioguiado do Monte Pindo, representan a forte aposta a prol do turismo do territorio dunha administración pequena como é a Deputación da Coruña”.
Na presentación do encontro, Regueira estivo acompañado pola directora de turismo de Galiza, Nava Castro; pola alcaldesa de Vimianzo e presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, e pola secretaria da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), Silvia Bouzas.