Regueira defende en Fitur «a posta en marcha de estratexias que equilibren os fluxos turísticos coa necesaria protección de contornas tan sensibles coma a da Fraga do Eume»
O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 'Fragas do Eume' centrou o segundo acto institucional do departamento provincial de Turismo na feira madrileña, no que, ademais do vicepresidente, tamén participaron representantes municipais dos concellos de Cabanas, Pontedeume e As Pontes. Regueira apostou a súa intervención por buscar «un turista consciente e responsable».
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, presentou esta tarde en Fitur o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 'As Fragas do Eume'. «Utilizar a singularidade medioambiental das Fragas como motor dunha estratexia turística para os cinco concellos da comarca —As Pontes, Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela— é un dos principiais obxectivos do Plan», afirmou. Na presentación, Regueira estivo acompañado ppola delegada da Xunta en Ferrolterra, Martina Aneiros; polo tenente de alcalde de Cabanas, Iago Varela; pola concelleira de Turismo de Pontedeume, Yolanda Vázquez, e pola concelleira de Turismo de As Pontes, Elena López.
«Este proxecto», explicou Regueira, «bota a andar co reto de poñer en marcha iniciativas que equilibren os fluxos turísticos coa necesaria protección dun entorno tan sensible como é a propia Fraga». «Se tivese que dar unha lista de imprescindibles que visitar Galiza», engadiu, «sen dúbida nesa lista estarían as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa. Pero tamén debemos ter en conta que estamos falando dunha contorna moi sensible para acoller fluxos de visitantes, polo que temos que ser capaces de planificar con moito coidado as estratexias turísticas".
Para o vicepresidente, o proxecto que hoxe se promoveu en Madrid «é unha oportunidade para utilizar a Fraga como motor económico que deixe retorno nos cinco concellos e planificar con intelixencia e responsabilidade os fluxos para que non se resinta a contorna».
o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino 'Fragas do Eume' inclúe intervencións concretas enfocadas a aumentar a competitividade turística do territorio, incorporar a sustentabilidade e a dixitalización ao proxecto turístico, diversificar a oferta no ámbito turístico e garantir a preservación do capital natural. Entre estas intervencións concretas poden citarse a creación de aparcadoiros disuasorios, a posta en marcha de servizos de alugueiros de bicicletas, a creación de app's de autoguía, dunha rede de miradoiros, de cabanas no bosque en Monfero, ou de rutas de avistamento de aves e de coñecemento da fauna e da flora da contorna.