Xosé Regueira defende en FairWay un crecemento turístico ligado á preservación do medio e á creación de emprego
O vicepresidente da Deputación participou na conferencia inaugural “Turismo e Sustentabilidade”, no marco do IV Fórum do Camiño de Santiago – FairWay, que se está a celebrar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela. “O reto", afirmou, "é que no futuro cando se fale de turismo en Galiza se fale de retorno económico no ámbito local, de xeración de emprego, e de calidade na preservación do medio natural”.
Na súa intervención na sesión inaugural do IV Fórum do Camiño de Santiago - FairWay, baixo o epígrafe 'Turismo e Sustentabilidade', Regueira fixo un repaso polos principais retos do turismo de cara ao futuro. “O reto da sustentabilidade, que vai implícito no reto de salvar o planeta, é un reto colectivo”, dixo. E en relación ao turismo centrouno en tres aspectos. Dunha banda, citou o reto da sustentabilidade social, no sentido de que a actividade turística ten que ter un retorno na comunidade local e na empregabilidade no territorio no que se asenta. En segundo lugar, mencionou a sustentabilidade económica explicando que “o turismo actual non pode supoñer en ningún caso unha barreira de cara ao futuro, de xeito que o territorio ten que manter a súa capacidade para seguir xerando negocio da man de vindeiras xeracións”. En terceiro lugar, situou a sustentabilidade cultural avogando por iniciativas que manteñan e protexan a diversidade cultural fronte á globalización e á uniformidade.
O vicepresidente provincial tamén aproveitou para definir ao “turista da nova era” como un turista “consciente, que busca a autenticidade e os elementos diferenciais dos destinos que visita”. Neste sentido, asegurou que “desde o punto de vista cuantitativo estamos facendo un bo traballo desde as administracións, pero o que precisamos agora e dar o paso para seleccionar o tipo de turista que queremos atraer”. Lembrou que no escenario pandémico “Galiza posicionouse como un destino seguro, cunha oferta de ocio alternativo seguro, polo que o reto é que nos vindeiros 20 ou 40 anos sexamos capaces de manter esta posición e seguir crecendo mantendo o noso medio natural”.
Regueira puxo ademais en valor o traballo que se está a realizar entre as diferentes administracións do ámbito galego e provincial para dar pasos de futuro no ámbito turístico e, como exemplo, referiuse aos dous proxectos aprobados recentemente na convocatoria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino: o da comarca do Eume e o do Xeoparque de Ortegal.