Xosé Regueira: “A candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque da Unesco xa está rendendo no territorio desde o punto de vista da sustentabilidade, da economía e do turismo”
O vicepresidente provincial e titular de Turismo mostrouse optimista sobre que a Unesco recoñeza Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial, logo da inspección que fixo á comarca, do 28 a 30 de agosto, un comité técnico avaliador designado pola organización internacional. Tamén lembrou que Deputación xa comprometeu para o territorio cariñés unha achega de 600.000 euros, aos que hai que sumar outro millón e medio con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino
O vicepresidente e titular de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ratificou este martes o compromiso da institución provincial e do seu departamento coa candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque da Unesco. Fíxoo no encontro que mantiveron no mesmo cabo cariñés os representantes de todas as institucións implicadas no proxecto: a Deputación, os concellos integrantes da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— e a Xunta de Galicia.
A xuntanza celebrouse ao remate da terceira e derradeira xornada da visita ao territorio que abrangue o plan do xeoparque, que, entre o 28 e o 30 de agosto, realizou o equipo técnico de expertos designado pola Unesco para avaliar a candidatura, formado polo británico Chris Woodley-Stewart, director do xeoparque North Pennines, e do uruguaio César Goso, director científico o xeoparque Grutas del Palacio.
Regueira mostrouse optimista sobre que a Unesco tome a decisión de outorgarlle, o ano que vén, a Cabo Ortegal o selo de Xeoparque Mundial. “Os auditores da Unesco quedaron moi gratamente sorprendidos da potencialidade xeolóxica, económica, cultural e patrimonial do territorio, pero tamén da implicación e o compromiso que mantemos coa candidatura o noso departamento, a Deputación e todas as institucións que participan no proxecto”. Nese sentido, o vicepresidente lembrou que a Deputación xa comprometeu para o territorio de Cabo Ortegal unha achega de 600.000 euros, “aos que hai que sumar outro millón e medio con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino”.
Independentemente de que a Unesco decida recoñecer Cabo Ortegal como Xeoparque Mundial, Regueira afirmou que a candidatura xa está deixando beneficios no territorio. “Máis alá do económico e desas achegas de 2.100.000 euros, o proxecto está rendando noutros aspectos, como o de acadar a visualización de Cabo Ortegal a nivel mundial, o cal é impagable”. “Falamos dun plan”, engadiu, “que vai ser un gran aliado desde o punto de vista da sustentabilidade, mais tamén no social: nós sempre dicimos que se trata dun proxecto para os fillos e para as fillas e para os netos e as netas do conxunto da sociedade da comarca. O que se pretende no futuro é conseguir un arraigamento no territorio, máis posibilidades para Ortegal e a base dunha economía produtiva, que xa existiu na zona e que agora se está recuperando”.
Sobre esa rendibilidade estendeuse o vicepresidente: “Agora imos poder ofrecer novos servizos a nivel turístico, científico e divulgativo, e está claro que o proxecto vai servir para xerar un emprego sostible e para que a comarca e os concellos teñan motores económicos solventes. Pero hai ter unha visión ampla e pensar máis alá da rendibilidade económica, sempre co compromiso da sustentabilidade, cun turismo verde, “slow” e de calidade: non temos nunca por que antepoñer a cantidade de visitantes á busca dun perfil turístico aconsellable para que no territorio se poidan xerar novas empresas e que xente nova decida emprender no futuro no territorio de Cabo Ortegal”.
Regueira —que xa participara o domingo en Cedeira nunha reunión técnica para poñer en contexto tanto o proxecto como os valores xeolóxicos, culturais, socioeconómicos e turísticos do territorio, así como para coñecer as últimas accións que está levando a cabo a Asociación para a Xestión do Proxecto— insistiu na singularidade de Cabo Ortegal, “un territorio único no mundo, con enclaves que non se atopan noutro lugar, como a praia de Teixidelo, a única de area negra de orixe non volcánica, ou o santuario de Santo Andrés de Teixido, o máis antigo de Galiza”. “O proxecto de Xeoparque de Ortegal”, engadiu, “é unha aposta política que se transformou nun proxecto de país”, como xa afirmara o pasado xaneiro en Fitur cando a Deputación promoveu a candidatura co epígrafe 'Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra'.