Xosé Regueira avoga polas iniciativas “comprometidas co territorio” como base para a sustentabilidade e a loita contra os grandes retos climáticos
O vicepresidente da Deputación e titular de Turismo, Xosé Regueira, defendeu esta mañá “o compromiso co territorio” de iniciativas como as que se amparan baixo o paraugas da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo “á hora de afrontar grandes retos globais e que afectan á saúde do planeta”.
Regueira foi o encargado de abrir a quenda de intervencións no acto oficial de inauguración do Congreso Nacional de Ecoturismo, que comezou hoxe e que reúne ata este xoves no Pazo de Mariñán a relatores e axentes relacionados co sector empresarial vinculado ao ecoturismo, representantes de grupos de desenvolvemento local, de asociacións de turismo rural, persoal técnico de espazos naturais e de espazos protexidos, centros de investigación relacionados co sector e axencias e operadores turísticos estatais e internacionais especializados en ecoturismo.
O vicepresidente lembrou que o propio lugar no que se está a desenvolver o Congreso estatal, tanto o Pazo como os xardíns, son espazo protexidos e que contan coa certificación Observer® de Turismo Científico. Tamén aproveitou para poñer en valor o labor que está a realizar a Reserva da Biosfera, anfitrioa nesta edición, “que está a conseguir grandes obxectivos grazas ao seu compromiso co territorio que abrangue e coa provincia en xeral, e con capacidade para afrontar retos relacionados coa sustentabilidade e a biodiversidade, e coa necesidade de apostar pola saúde do planeta”.
“A Reserva da Biosfera", asegurou Regueira, "é un emblema que nos gusta enarbolar cando facemos promoción turística da provincia, tanto polo bo traballo que realizan como pola boa gobernanza e os proxectos que está a desenvolver”. Neste sentido, convidou a todas as persoas asistentes a coñecer durantes os tres días do congreso o propio territorio da Reserva, así como a cultura, a lingua e a gastronomía.
No acto oficial de apertura tamén participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso; a subdirectora adxunta de Desarrollo y Sostenibilidad Turística de la Secretaría de Estado de Turismo, Ana Jar; o presidente da Asociación de Ecoturismo en España, Jesús M. Pozuelo, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.