Xosé Regueira: «A alianza entre Galiza e Portugal é moi potente e as oportunidades de cooperación transfronteiriza, infinitas»
«As estratexias de promoción turística da Deputación da Coruña e da Cámara de Matosinhos coinciden, o mesmo que outras liñas de traballo de ambas institucións, coma o turismo industrial, a posta en valor da dieta atlántica e a retención e captación de talento no sector turístico». Foi a valoración de Xosé Regueira logo da xuntanza de traballo que mantivo onte nesa localidade portuguesa con representantes da Cámara. «A alianza Galiza entre Galiza e Portugal é moi potente: somos complementarios na nosa visión e aposta polo turismo e por iso son tamén infinitas e as oportunidades de cooperación transfronteiriza», engadiu.
«A gastronomía», sinalou o vicepresidente, «é a principal liña de traballo da área de Turismo da Cámara de Matosinhos, como tamén é a da Deputación, por iso aproveitamos para presentar na xuntanza a nosa campaña 'A provincia que sabe', un paraugas que nos permite mellorar as oportunidades turísticas no territorio, diversificar produto e apoiar ás iniciativas locais, apostando sempre por un turismo responsable, que poña en valor a autenticidade dos destinos e promova experiencias únicas e menos masificadas».
Ademais de intercambiar experiencias e analizar retos de futuro, Regueira e os representantes da Cámara coincidiron na oportunidade «de tender pontes, identificando vías de cooperación e concretando posibles proxectos conxuntos no eido da promoción gastronómica, entre outros», en palabras de Regueira.
Ao remate da reunión, o vicepresidente coruñés e a delegación do goberno local de Matosinhos, encabezada pola responsable de Comercio, Investimento e Incubación de Empresas, Turismo e Internacionalización, Marta Moura Laranja Pontes, visitaron o Mercado Municipal e a Fundación Livraría Lello.