Xosé Regueira: "Agora é o momento de difundir en foros como Fitur a dimensión social e as potencialidades económicas de Cabo Ortegal"
A área de Turismo da Deputación da Coruña volve participar no principal foro turístico a nivel estatal poñendo o foco no proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e nos recursos turísticos desta comarca. O vicepresidente provincial lembra que do seu departamento xa leva anos traballando de xeito concienciudo para facelo posible: "Agora este traballo sitúanos nun momento especialmente ilusionante porque, como vimos repetindo nos últimos meses, estamos practicamente na antesala da elite mundial do sitios xeolóxicos".
Desde empresarios como Roberto Tojeiro ata o coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, pasando por xogadores do equipo de voleibol Aldebarán de San Sadurniño ou o propietario do centro equestre Granxa do Souto, son os encargados de poñerlle voz a proxectos que se están a desenvolver no territorio do Xeoparque de Ortegal. As súas intervencións, xunto coas dos alcaldes e alcaldesa dos sete concellos do Xeoparque e a do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, están a ser recollidas en pequenos documentos audiovisuais que se presentarán o vindeiro venres en Fitur.
A área de Turismo da Deputación da Coruña volve a participar no principal foro turístico a nivel estatal poñendo o foco no proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e nos recursos turísticos desta comarca. "Toda vez que a nosa aposta política por impulsar a candidatura de Cabo Ortegal á certificación de Xeoparque xa está clara, agora é o momento de difundir a dimensión social e as potencialidades económicas deste territorio", asegura Regueira. Neste sentido, o vicepresidente lembra que desde o departamento provincial de Turismo xa se leva anos traballando de xeito concienciudo para facer posible esa promoción: "Agora este traballo sitúanos nun momento especialmente ilusionante porque, como vimos repetindo nos últimos meses, estamos practicamente na antesala da elite mundial do sitios xeolóxicos".
Á dimensión científica e xeolóxica súmaselle nesta ocasión a perspectiva humana, identificando e dándolle voz a persoas que están a desenvolver proxectos moi diversos e en distintos sectores de actividade económica, cultural e deportiva. Serán catro micropezas audiovisuais as que se proxecten no acto oficial da Deputación da Coruña na feira madrileña e estarán protagonizadas polos alcaldes e a alcaldesa dos sete concellos que forman parte do proxecto Xeoparque de Cabo Ortegal —Moeche, San Sadurniño, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Cedeira e Valdoviño—, e por unha persoa representativa dun proxecto de cada un dos concellos. Así, desde o Concello de Moeche intervirá o empresario Roberto Tojeiro, desde San Sadurniño participan xogadores do equipo de voleibol Aldebarán, Cerdido aposta pola plantación de arandos 'Horticina', Cariño promove a empresa de conservas de pescado La Pureza, desde Ortigueira participa o centro equestre Granza do Souto, Cedeira dálle voz a un artesán de 'sanandreses' e Valdoviño, ao coreógrafo e director da compañía Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz.
O acto da Deputación presentarase baixo o epígrafe 'Cabo Ortegal. Unha viaxe ao centro da Terra' e terá lugar no stand de Galicia o venres 21 ás 12 horas. Fitur é un dos principais escaparates mundiais do turismo e onde se dan cita os máis importantes axentes do sector. Neste contexto, para o departamento provincial de Turismo é unha ocasión de especial relevancia para impulsar o Proxecto de Xeoparque de Ortegal e, de maneira especial, os importantes avances que se desenvolveron con respecto á candidatura.