Xosé Penas presentou en Vimianzo a guía de viaxe “Patrimonio arquitectónico da provincia da Coruña”, editada pola Deputación

Penas, na presentación da guía, hoxe no Castelo de Vimianzo
Penas, na presentación da guía, hoxe no Castelo de Vimianzo
«Non se trata dunha guía de viaxe de costume, pois esta publicación fala de tradicións, de historia, de lendas, de formas de vivir e relacionarse co territorio, de cultura, de maneiras de viaxar, de rutas, de accesibilidade e de coordenadas, sen perder de vista a importancia que o patrimonio ten para o turismo», explicou o deputado.
Xosé Penas presentou en Vimianzo a guía de viaxe “Patrimonio arquitectónico da provincia da Coruña”, editada pola Deputación

Xosé Penas presentou esta mañá no Castelo de Vimianzo a guía de viaxe “Patrimonio arquitectónico da provincia da Coruña. Trece marabillas para un percorrido histórico”, editado pola Deputación. Acompañárono a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e Maite Vence, coordinadora do proxecto.

O titular de Patrimonio aproveitou o comezo da súa intervención para insistir «na urxencia de axilizar, desde as administracións públicas, os trámites para que as necesidades da cidadanía se atendan nun tempo moito máis prudencial do que puidemos comprobar con este traballo; traballo que comezou hai máis dun ano e medio e que ata agora non viu a luz, pero a espera, longa, ben pagou a pena».

Xa sobre a publicación, Penas explicou que non se trata «dunha guía de viaxe de costume, pois fala de tradicións, de historia, de lendas, de formas de vivir e relacionarse co territorio, de cultura, de maneiras de viaxar, de rutas, de accesibilidade e de coordenadas, sen perder de vista a importancia que o patrimonio ten para o turismo».

O deputado referiuse á colaboración entre as áreas provinciais de Patrimonio e Turismo para sacar adiante o proxecto: «Traballamos man a man os dous departamentos, porque entendemos o turismo como un referente de calidade e diferencial á hora de comprender que non todo vale, que máis que turistas debemos ser viaxeiros e achegarnos á cultura propia, e tamén á descoñecida, con dignidade, curiosidade e sobre todo respecto máximo». Penas agradeceu tamén »a colaboración inestimable cos concellos, cos que fomos tecendo unha rede patrimonial que hoxe en día transcende os trece elementos sinalados nesta guía».

Para o deputado, a riqueza do patrimonio coruñés non se circunscribe só a esas xoias arquitectónicas: «Temos unha inmensa colección artística no Pazo de Mariñán pero tamén repartida noutros edificios de titularidade da Deputación; e agardamos que algún día, máis pronto que tarde, poidamos contar co noso propio museo de arte provincial, coma os que xa existen en Pontevedra ou Lugo; niso imos traballar». 

O Parque do Megalitismo, na Costa da Morte; Compostela Rupestre, nas Terras de Santiago, e o Parque da Idade do Ferro, nas rías de Arousa Norte e Muros Noia, son, en palabras de Penas, «unha mostra de que o traballo a prol da conservación, posta en valor e promoción do noso patrimonio como pobo, non fixo máis que comezar”. “E seguiremos sumando”, engadiu, proxectos futuros de musealización en Dombate e en Caaveiro onde no próximo ano se vai inaugurar o gran museo de Caaveiro e do Reino de Galiza. Por non falar da próxima liña de axudas para protección do patrimonio que imos sacar e que se destinará a bens de titularidade e disposición pública».

Rematou Penas a súa intervención resumindo o valor da guía, que cadra cos obxectivos do seu departamento: «Promover o patrimonio dun xeito transversal, dun xeito onde o primeiro sexa a protección, pero sobre todo engadir unha pedagoxía e coñecemento que coidamos ten que ser básica para que as xeracións actuais e futuras entendan que ese patrimonio perténcelles e será parte da súa herdanza como país». 

Xosé Penas presentou en Vimianzo a guía de viaxe “Patrimonio arquitectónico da provincia da Coruña”, editada pola Deputación