Xosé Penas: «O festival Espazos Sonoros é claro exemplo da obriga que contraeu o BNG de pensar outros xeitos de facer cultura e de poñer en valor o patrimonio provincial»
O Teatro Colón acolleu esta tarde o concerto de La Grande Chapelle que abriu a cuarta edición do festival Espazos Sonoros, organizado por Patrimonio da Deputación. Presentárono o titular dese departamento, Xosé Penas, e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo.
«Hoxe comeza aquí un festival no que se fala de música e de patrimonio, pero que se converte nun eixo sensitivo e transversal que vai dende o eido social do territorio para primar a proximidade e a universalidade dun país que é único e poucas veces valorado; unha viaxe que pon en valor a nosa historia, a nosa economía e o noso turismo e que confirma que estamos diante dun ciclo de excepcional calidade», salientou Penas no comezo da súa intervención.
Para o deputado, «sensibilidade, contemplación, admiración e espectacularidade van collidos da man» da programación dun ciclo do que o Teatro Colón merecía ser parada: «En todos estes anos tiñamos pendentes un lugar, un lugar moi especial, polo que significa para a Deputación, para esta cidade e para este país, o Teatro Colon, espazo cunha inmensa historia detrás». «Porque», engadiu, «se inaugurar un festival coma Espazos Sonoros sempre é un pracer, facelo hoxe aquí, neste escenario e con La Grande Chapelle, convértese nunha experiencia única».
«Espazos Sonoros», afirmou Penas, «é claro exemplo da obriga que contraeu o BNG de pensar, desde a administración pública, outros xeitos de facer cultura e de poñer en valor o patrimonio provincial». «Temos que pensar en grande e que ás veces máis non implica mellor. Espazos Sonoros fala doutros tempos, doutras velocidades. A música con maiúsculas e o país con maiúsculas precisan moito máis, como demostra a programación deste festival, desa ollada pensada exclusivamente para levar por toda a provincia o que debe ser a xestión e o coidado cirúrxico do noso patrimonio, e para facer chegar a todos o que é de todos».
O deputado louvou a labor de Belén Bermejo á fronte da dirección artística de Espazos Sonoros: «Froito deste inmenso traballo, nunca dabondo recoñecido, non só de Belén senón de toda a súa equipa, temos o resultado final que hoxe comeza aquí; un resultado que este ano nos vai levar, a través dos sentidos, polo patrimonio da provincia, dende A Coruña ata Porto de Son, pasando por Padrón, Ferrol, Malpica ou Camariñas e promovendo tamén proxectos que agora mesmo temos en marcha na Deputación, coma o Parque da Idade de Ferro, as baterías da costa de Ferrol ou o Xeoparque do Cabo Ortegal».
Penas referiuse tamén a colaboración que Espazos Sonoros terá nesta edición con outros festivais: «Este ano ademais, e xa saíndo das fronteiras físicas, que nunca musicais ou poéticas, do noso pais, temos a colaboración co ViertelBarock, de Viena; unha colaboración entre festivais que agardamos poida ser o comezo de moitas outras e que sirvan aínda máis para dar a coñecer o noso patrimonio por todo o mundo».